Bos agoiros en 2011 para o comercio dixital e o uso de internet móbil

martes, 11 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Vén de chegar un novo ano e, coma sempre, irrompen nas nosas vidas todo tipo de predicións sobre o que nos van deparar os doce meses vindeiros, cousa que por outra banda tampouco ten tanto mérito tendo en conta que os telexornais de cada día semellan un calco dos da xornada anterior. Tecnoloxicamente falando hai moitas cousas que entran dentro do previsible, pero outras se cadra non tanto, en boa medida porque o eido TIC é un pouco coma a Terra para os navegantes antigos: vaite ti a saber se non haberá un novo continente entre unha cousa e outra. Leas aparte, hai predicións como a feita por Millward Brown Futures Group na publicación Contagious que teñen o seu aquel, se cadra porque nos dan un pouco a razón, e isto sempre dá moral. Por exemplo: dísenos que as empresas dobrarán esforzos en afianzar a súa presenza en liña e que medrará o comercio dixital (coa axuda da servizos como a realidade aumentada, que suplirá a ausencia física dos produtos desexados).
O estudo, reflectido estes días por Lavidawifi, tamén prevé unha apertura da formatos novos da publicidade display (formatos que amolen o menos posible, como o slide-up, que emprega imaxes miúdas para chamarnos a atención e logo espállanse na pantalla), un meirande uso do audiovisual por parte dos anunciantes (facendo fincapé na pegada que teñen os vídeos en liña nos compradores) e un maior número de usuarios de Internet móbil. Asemade, prognostícase que apenas haberá empresas innovadora que non use os servizos de xeolocalización (tirando partido de Facebook Places ou Foursquare) e que en virtude do potencial de Move (Playstation) e Kinect (Xbox) os videoxogos serán o eido evolutivo dixital por excelencia. Amais, as redes sociais como Facebook deixarán de ser plataformas únicas de comunicación para unha chea de usuarios, que caerán por fin na conta de que hai máis portas nas que petar. Por outra banda, medrará a liorta en liña pola privacidade, unha batalla na que seguirán a participar os mesmos de sempre (a industria e os axentes de protección de dereitos), pero que subirá un novo chanzo.

PUBLICIDADE