A Comisión Europea pretende suspender o programa de recompensas de TikTok Lite

luns, 22 de abril do 2024 Marcus Fernández

Recentemente TikTok provocou un grande rebumbio entre a mocidade española ao anunciar unha versión da súa aplicación móbil, TikTok Lite, que incluía un programa de recompensas, o que espetou a precupación da Comisión Europea, organismo que a semana pasada decidiu solicitar máis información ao respecto sobre a nova aplicación, e ante a falta de resposta finalmente anuncian a apertura dun procedemento formal contra TikTok en virtude da Lei de Servizos Dixitais.
Dende a Comisión consideran que TikTok estaba obrigada a presentar un informe de avaliación de riscos, incluídas medidas para mitigar calquera posible risco sistémico, antes de lanzar novas funcionalidades que poidan ter un impacto crítico, e recoñecen a súa preocupación polo novo programa de recompensas de TikTok Lite, que permite gañar puntos ao realizar tarefas como ver vídeos, recibir contidos, seguir aos creadores, convidar a amigos... o que podería provocar un efecto aditivo, especialmente na forma actual do servizo, que carece de mecanismos eficaces de verificación de idade.
No caso de que TikTok non responda convenientemente á solicitude de información da Comisión nos prazos establecidos poderán ter que soportar sancións de até o 1% dos ingresos anuais ou do volume de negocio mundial do provedor, e sancións periódicas de até o 5% dos ingresos diarios medios do provedor ou do volume de negocios anual mundial.
Ao percibirse que TikTok non poderá responder convenientemente ás solicitudes da Comisión, xa que a avaliación de riscos de TikTok Lite debería terse realizado antes o seu lanzamento, prevén a imposición de medidas provisorias que suporían a suspensión do programa de recompensas de TikTok Lite na Unión Europea á espera da súa avaliación de seguridade.

PUBLICIDADE