O Concello da Pobra e Kracia achegan servizos gratuítos para a transformación das pemes locais

luns, 22 de abril do 2024 S. P.

Tecer redes entre as persoas emprendedoras instaladas no Coworking da Pobra e o sector empresarial do concello é a principal finalidade do espazo de traballo colaborativo e, para seguir dando pasos nesta senda, a Concellaría da Promoción Económica lanza unha nova medida: un servizo de asesoramento para a dixitalización do tecido produtivo local.
Neste servizo terá un papel activo a cooperativa Kracia, usuaria do centro para o emprendemento, que achegará servizos de balde para a transformación tecnolóxica orientada a pemes. Trátase dunha contraprestación á Administración local polo uso do dito inmóbel, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, que a Concellaría da Promoción Económica determina canalizar para beneficio de diversos sectores do municipio, segundo apuntou a edil Amparo Cerecedo.
Redes sociais, publicidade, creatividade e auditoría web son os piares sobre os cales se asenta a asistencia dixital, segundo explica Antón Freire, representante da dita cooperativa, que engade que “poderán optar empresas xa iniciadas no mundo dixital que desexen mellorar a súa experiencia e aquelas outras que aínda non decidiron dar o paso”. En concreto, porase o foco en como analizar o tráfico e o posicionamento no buscador Google, como aumentar a comunidade e a calidade do feed, como xerar un maior alcance da publicidade online ou como acadar os mellores resultados co noso deseño de fotos e vídeos, entre outras funcións e ferramentas.
No día 24 de abril haberá unha xornada explicativa no propio Coworking en dous horarios: unha primeira ás 17.00 horas e, unha segunda, para as 21.00 horas.
O empresariado interesado en asistir deberá cubrir o formulario en liña co obxectivo de adaptar as reunións aos perfís profesionais.
A data límite para se rexistrar no dito formulario establécese na última hora do día 23 de abril e, polo de agora, xa hai nove inscricións.

PUBLICIDADE