SEGA anuncia un novo xogo de Sonic para finais de ano

xoves, 27 de maio do 2010 Marcus Fernández

O ourizo cacho azul que fai de mascota de SEGA parece estar máis viva que nunca, e tras o anuncio de Sonic 4 para consolas de videoxogos e mesmo iPhone en capítulos descargables, dende a súa compañía anuncian que están a traballar en Sonic Colours, un novo título para Wii e Nintendo DS previsto para finais de ano e que situará ao veloz Sonic nun parque de atraccións no que deberá rescatar aos Wisps, unha raza alieníxena ameazada polo malvado Dr. Eggman.
A versión para Wii de Sonic Colours combinará perspectivas 3D e 2D, mentres que na Nintendo DS aproveitará as posibilidades da dobre pantalla da consola. O xogo conservará a velocidade que caracteriza á súa franquía, e a principal novidade serán os mencionados Wisps, que desprenden unha enerxía de cor que Sonic pode absorber mentres corre, dándolle distintos poderes para avanzar nesta aventura que curiosamente estará limitada a consolas de Nintendo, compañía que noutros tempos era a principal rival de SEGA.


Primeiro trailer de Sonic Colours

PUBLICIDADE