Star Wars e Tomb Raider destacan na oferta de xogos de Amazon Prime en maio

xoves, 2 de maio do 2024 Marcus Fernández

Amazon anunciou os xogos que incluirá o servizo de Prime Gaming no mes de maio, e aproveitando que este sábado se celebra informalmente o día de Star Wars (por como se le a data en inglés: «May the 4th») quere destacar a incorporación do xogo LEGO Star Wars III: The Clone Wars na súa versión para PC na plataforma GOG e tamén multiplataforma a través do streaming de Amazon Luna, na que tamén estará dispoñible este mes LEGO Star Wars: The Complete Saga.
Pero estes xogos non son os únicos interesantes deste mes, senón que dende hoxe mesmo tamén está dispoñible a través de GOG Tomb Raider Game of the Year Edition, o grande xogo que recuperaba a franquía de Lara Croft dando lugar a unha triloxía. Xa o día 9 engadirán os xogos Fallout 3: Game of the Year Edition (en GOG), Nine Witches: Family Disruption (na aplicación de Amazon Games) e Electrician Simulator (na tenda de Epic Games); o día 16 será a quenda de Doors Games: Escape from School (en Legacy Games) e The Forgotten City (na aplicación de Amazon Games); e, para concluir, o día 23 chegará Spirits of Mystery: Whisper of the Past (na aplicación de Amazon Games).

PUBLICIDADE