Outro competidor de X/Twitter di adeus

venres, 19 de abril do 2024 Marcus Fernández

Cando Elon Musk tomou o control de Twitter, non só houbo unha corrente de usuarios migrando a plataformas alternativas como Mastodon, senón que tamén chegaron novos axentes pretendendo pescar en río revolto, e entre estas iniciativas resultaba especialmente interesante Post News, xa que contaba cun formato moi semellante ao de Twitter, pero orientado directamente ao consumo de novas, atendendo así a un uso moi estendido da plataforma do paxaro.
Post News tivo moi boa acollida por parte do público, conseguiu manter a súa comunidade libre da toxicidade que actualmente domina en X/Twitter, e incluso funcionaba ben para establecer conexións entre medios e usuarios, pero, ao non ser capaz de medrar a grande velocidade, padecerá o mesmo destino que Pebble (alternativa a X/Twitter que botou o peche en novembro).
O máximo responsable de Post, Noam Bardin, está a convidar aos usuarios a acceder ao servizo a semana que vén para poder exportar o que alí publicaron, pois xa é oficial que Post News botará o peche en maio.
Remata así unha interesante aventura que conseguiu captar a atención duns 430 mil usuarios, pero que non conseguiu destacar dabondo como para poder sobrevivir no escenario actual no que X/Twitter non remata de desaparecer e o seu competidor principal é un xigante como Meta (con Threads).

PUBLICIDADE