O sector TIC galego creou preto de 1.400 postos de traballo en 2021

venres, 19 de abril do 2024 S. P.

O sector das novas tecnoloxías da información da nosa terra foi quen de xerar 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% máis que o ano anterior, o que supón o incremento máis elevado dos últimos cinco anos cun total de 20.740 empregados. Así se fai saber no estudo Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2021, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
No informe tamén se indica que a nosa comunidade contaba en 2021 con 2.961 empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), un 2,2% máis que no 2020, e é a quinta Comunidade Autónoma por número de empresas tecnolóxicas galegas que xa achegan máis de 1.700 millóns de Valor Engadido Bruto á economía galega, o 2,69% do PIB galego, segundo o último dato dispoñíbel de 2019.
No informe tamén se fai saber que a tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é a Internet das Cousas (34,2%). Os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes son os sistemas ou dispositivos que máis se utilizan no sector TIC galego.
Ademais, sinálase que o 28,7% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Intelligence e o 24,2% emprega chatbots, tecnoloxías que tiveron un medre relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021.
No informe do OSIMGA indícase a maiores que o 22,5% das empresas TIC galegas analizan datos masivos (Big Data) e xa superan o 50% cando se trata de empresas de 10 ou máis empregados. Entre as empresas que utilizaron Big Data, o 34,4% empregou ou método de aprendizaxe automática ou Machine Learning. Así mesmo, máis do 21% das empresas TIC galegas utilizan ou incorporan aos seus produtos ou servizos Intelixencia Artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a Realidade Virtual e o 13,8% a Impresión 3D.
Porén, a utilización de robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. O 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.
A maiores, a porcentaxe de empresas TIC que conta con conexións a internet de máis de 100 Mbps acada o 81,6%, case un 7% máis que o ano anterior. A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada é a fibra óptica (72,3%), crece un máis dun 32% no último ano. Por outra banda, o 82,1% das empresas TIC galegas interactuaron coas administracións públicas a través de Internet e o uso da sinatura dixital xa está presente no 70,9% das empresas TIC galegas.
No último ano, a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas TIC galegas incrementouse nun 9,5%, situándose no 86,5%, mentres que a súa presenza nas redes sociais incrementouse un 17,6% superando o 50%.
Os servizos de Computación na Nube afiánzanse no sector TIC galego e son empregados polo o 58,7% de empresas TIC, un 6,9% máis ca o ano anterior.
Con respecto ao comercio electrónico, o 84,9% das empresas do sector tecnolóxico en Galicia fixo compras de bens ou servizos a través de Internet, o que supón un incremento do 13,2% respecto ao ano anterior. O 31% das empresas TIC galegas venderon os seus produtos ou servizos a través da Rede e o peso das súas vendas respecto do seu volume de negocio foi do 56%.
Formación
Case un terzo das empresas TIC galegas (30,2%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos. Un 70% destas empresas obtivo resultados comercializábeis.
O 34,3% do sector desenvolveu accións formativas tecnolóxicas para o seu persoal. Unha de cada catro empresas TIC galegas ten interese en formar en tecnoloxías disruptivas como Intelixencia Artifical ou Big Data.
Ciberseguridade
O 22,6% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade no último ano.
Os intentos de estafa aumentan o peso no último ano ata o 59,3%, superando aos virus informáticos
cun 30,5% de empresas afectadas.

PUBLICIDADE