Pebble botará o peche o 1 de novembro

martes, 24 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Converterse nunha alternativa real a X/Twitter non é doado, como ben saben dende Mastodon, servizo en activo dende 2016 que pese a conseguir moita visibilidade tras a compra de Twitter por parte de Elon Musk, e agora é cando o aprenden polas malas servizos que naceron claramente para captar aos usuarios de Twitter desencantados co rumbo da plataforma, como é o caso de Pebble, que nacera co nome de T2 (dando a entender que era como unha secuela de Twitter, e, de feito, 2 dos seus fundadores traballaran en Twitter), e que pese a ter bastante visibilidade nos EE.UU. non conseguiu o pulo para poder sobrevivir a longo prazo.
O director xeral da compañía, Gabor Cselle, anunciou que o 1 de novembro Pebble botará o peche, recoñecendo que non conseguiron medrar a unha velocidade suficiente para que os investidores mantivesen o seu apoio ao proxecto. A situación complicouse coa aparición de máis competidores no mercado (como Post, BlueSky e Threats), facendo aínda máis complicado chegar a uns obxectivos fixados para que puidese verse Pebble como unha alternativa real a X/Twitter.
Temos así que Pebble anuncia o seu peche 5 semanas despois de mudar a súa marca, evidenciando que nin un cambio de nome pode salvar un modelo de negocio de dubidosa rendibilidade (lembremos que a propia Twitter caracterizábase por rexistrar perdas en todos os seus exercicios agás os de 2018 e 2019).

PUBLICIDADE