O consorcio audiovisual de Galicia continúa a potenciar a promoción das producións galegas na Rede

luns, 19 de outubro do 2009 Raquel Noya

Alá polo ano 2004, o Consorcio Audiovisual de Galicia, convertíase na primeira entidade de todo o Estado en potenciar a promoción das nosas producións audiovisuais en Internet, a través dunha liña de axudas para os proxectos por importe total de 80.000 euros, establecéndose unha cantidade máxima de 9.000 euros por proxecto.
Hoxe, esta iniciativa estase a converter nunha das mellores ferramentas habidas e por haber para a promoción audiovisual, con máis de 50 producións beneficiadas nas anteriores convocatorias, entre as que sobresaen importantes títulos como O ano da carracha de Filmanova, Donkey Xote de Filmax, Un franco, 14 pesetas de Adivina Producciones e De Profundis de Continental Producciones, que obtiveron un elevado número de visitas.
Asemade, no que vai de ano xa resultaron beneficiadas 11 producións máis, estando vixente o prazo de presentación de solicitudes para novas concesións ata o vindeiro día 1 de decembro.
Estas axudas para a promoción de producións audiovisuais a través de Internet teñen como finalidade brindar apoio ás produtoras no proceso de creación de páxinas web, xa que un dos piares fundamentais do negocio cinematográfico baséase, segundo afirman, “na promoción, na visibilidade do produto e na creación de expectativas diferenciais ante un público ao que se lle lanzan infinitas mensaxes referidas a innumerables posibilidades de lecer”.
A Rede é, segundo indican dende esta entidade, “o único espazo no que é posible soster unha presenza en condicións de certa igualdade”, posto que o sistema de acceso é barato, democrático e universal, así como un recanto dende o que poder ofrecer información directa sobre todo o que rodea a unha produción audiovisual, ao que pode acceder calquera usuario.
O desenvolvemento de páxinas web de producións convértese hoxe en día nunha das mellores ferramentas para a promoción audiovisual, xa que consegue que o público se sinta atraído dende o mesmo momento do inicio da produción creando un espectador activo que se converterá en consumidor do produto audiovisual.

PUBLICIDADE