Non teremos BlizzCon en 2024

xoves, 25 de abril do 2024 Marcus Fernández

A compañía de videoxogos Blizzard Entertainment leva celebrando dende 2005 unha grande convención anual chamada BlizzCon onde promociona as súas grandes franquías como Diablo e Warcraft, sendo poucas as ocasións nas que decidiron suspender o encontro (como en 2020 pola pandemia ou en 2022 cando estaban a enfrontarse a unha serie de conflitos xudiciais e de imaxe), pero non parece que esteamos nunha situación extrema para a compañía, polo que sorprende que anuncien a suspensión da edición de 2024 da BlizzCon.
En calquera caso Blizzard asegura que a BlizzCon non desaparecerá como outros encontros presenciais do sector dos videoxogos, senón que estamos simplemente ante unha cancelación puntual, que procurarán compensar coa organización de diferentes actividades de comunicación e participando noutras convencións (como a europea Gamescom).
Cómpre salientar que, aínda que non están nunha situación crítica, a compañía si está a experimentar cambios derivados principalmente da aprobación da compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft, polo que podemos entender que están dentro dun proceso de reorganización interna que tardará en consolidarse até o punto que a organización dunha grande convención non resulta extraordinariamente complicado.

PUBLICIDADE