Miguel Corgos lembra que Galicia contará en breve cunha lei que regule a IA

xoves, 9 de maio do 2024 Redacción

Corgos participou hoxe nun foro organizado por Quincemil

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe no II Foro Empresa e Inteligencia Artificial de A Coruña: La IA es una oportunidad, no un peligro, onde recoñeceu que é preciso ser conscientes dos riscos da intelixencia artificial se se aplica sen ningún tipo de control, polo que é prioritario establecer unhas regras básicas que garantan o respecto aos dereitos das persoas.
Corgos admitiu que tamén é importante atopar un equilibrio entre o control e a liberdade do mercado, para non por freo á innovación, xa que é o único xeito de que a IA poida acadar os obxectivos de mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns e, tamén, crear riqueza.
Ante este escenario lembrou que Galicia contará cunha lei de seu que regule a IA. Trátase dunha norma que garantirá o bo uso desta tecnoloxía na Administración, pero tamén protexerá os dereitos da cidadanía e promoverá a súa aplicación por parte tanto da sociedade como do tecido produtivo. O texto está a piques de levarse ao Consello da Xunta para pasar despois ao Parlamento e aseguran que constituirá a primeira lei rexional europea para o desenvolvemento e implantación da IA na Administración.

PUBLICIDADE