MD Boutique amosou a tecnoloxía aplicada á moda

venres, 10 de maio do 2024 Marcus Fernández

Mentres agardamos á chegada da XXII edición de Mundos Digitales a primeiros de xullo, a organización do evento organizou nas instalacións coruñesas de Inusual un novo evento para amosar novas experiencias combinando moda e innovación tecnolóxica, Mundos Digitales Boutique, sobre o que conversamos con Alba Meijide, directora de proxectos de IA de ILUX Visual Technologies.

– De onde xorde a idea de celebrar Mundos Digitales Boutique?
– A idea de celebrar Mundos Digitales Boutique é, dalgún xeito, amosar a converxencia entre a tecnoloxía e a moda. A moda xa non é simplemente comprar produtos, comprar unha prenda de roupa ou comprar uns zapatos ou un bolso, senón que é unha experiencia. Cremos que moitas das tecnoloxías que se aplican actualmente no mundo do cine, no mundo do 3D, no mundo dos videoxogos, onde coñecemos un pouco máis o sector, teñen aplicacións moi boas, moi prácticas e moi rendibles no mundo da moda para que as empresas dean ese paso a converter as súas tendas ou os seus contidos nunha experiencia.

– Que tecnoloxías en MD Boutique serían unha boa mostra das que estades a empregar?
– Pois estamos aplicando modelos que orixinalmente se aplicaron de formas moi distintas, por exemplo, un sistema de intelixencia artificial para segmentación, orixinalmente para rotoscopias en postprodución, en efectos visuais, aquí o aplicamos para cambiar a cor da roupa a personaxes 4D escaneados. Estes mesmos personaxes 4D tamén se utilizan en series como, por exemplo, o Zorro de Amazon Prime. Estamos collendo tecnoloxías que case todas se aplican, en outros sectores e as traemos a esta realidade.

– Agora que comentas o das personaxes 4D, poderías explicarnos a diferenza que hai entre a 3D e a 4D?
–Esa 4ª D, a última, que nos soa un pouco rara, é de movemento, de información. É a posibilidade de capturar en tres dimensións un ou varios personaxes que están a moverse, que están a falar, que están a interactuar. E desa forma, unha vez que os tes escaneados, non tes un personaxe 3D que logo tes que animar, senón que tes a escena, cos seus detalles, co as súas expresións faciais orixinais... afastándose do val inquietante.

– Estamos afeitos aos estudios fotográficos para captar imaxes de moda, pero cando queremos facelo en 4D a onde temos que acudir?
– Pois en España contamos cun dos catro estudios que hai no mundo, posiblemente o máis grande, que está en Valladolid, é unha especie de estudio redondo, no que todas as paredes e o chan son de cor croma, e ten cámaras ao redor que captan todas as perspectivas. Alí actúas como nun plató normal, pero estás sendo capturado desde todos os ángulos.
Soa a algo que vai ser o moi caro, o moi complexo, pero estamos a falar dun pouco máis que unha sesión cun estudio de fotografía profesional. Falamos de prazos de que nun día se toman unhas 60 tomas finais, e nunha semana están listas para traballar con elas onde se queira: ben en web, ben en unha escena...

– Falamos do que se refire á captación das imaxes pero, para levalas ao público? Que é o que está a ser máis revolucionario actualmente?
– Aí é onde entra a parte, neste caso, Inusual, compañía que está a celebrar os seus 20 anos, porque un contido, senón tes un soporte físico impactante para amosalo perde moito. Tamén podes ter a mellor pantalla do mundo pero senón tes algo de calidade que vai atraer o interese do espectador perde un pouco de sentido. O que quixemos foi facer colidir eses dous mundos: así tes todas experiencias e todo este hardware para amosalo. Pantallas holográficas, curvas, interactivas... Dar ideas, e cadaquén vexa as posibilidades.

– Pantallas holográficas. Parece algo de ciencia ficción! Que temos destas tecnoloxías que poidamos pór a pé de rúa?
– Pois no showroom de Inusual amosamos dúas delas. Temos unha pequeniña que serve sobre todo para amosar obxectos como accesorios, dando un efecto 3D. Logo, unha máis grande no que amosar modelos. Dan un efecto tridimensional maior. Pero, por exemplo, as persoas de Newton Lab propoñen pór 4 en cadea e así amosar en tres dimensións até un coche que queres vender e interactuar con el abrindo as portas dende un iPad, cambiarlle a cor... As posibilidades son infinitas.

– E estamos moi lonxe de ver estas tecnoloxías no escaparate dunha tenda?
– Creo que non. Creo que aínda non demos ese paso, porque vas polo centro da Coruña e ves que non é así, pero estamos máis cerca que nunca grazas a utilizar tecnoloxías doutros sectores que están xa listas e que funcionan moi ben, e traelos a este. É un paso que imos dar máis pronto que tarde.

– Para xente que non vai as tendas fisicamente tamén teñen aplicación estas tecnoloxías?
– Esta mesma tecnoloxía tamén ten sentido para experiencias dentro dos teus propios dispositivos. Por exemplo, ti podes estar comprando e moitas veces pasa que ves unha prenda de roupa e non sabes como che acaerá, cal será a tea... Por exemplo, os personaxes 4D permiten a realidade aumentada. É dicir, que ti na túa casa coa cámara do teu móbil podes ver a esa modelo con ese conxunto de roupa de pé no teu salón. Coa iluminación que ten o teu salón podes xirar arredor dela, ver como lle queda, como non, e ao final, tanto en dispositivos móbiles como en ordenadores ofrecen experiencias distintas, pero poden mudar moito a experiencia de compra.

– Que tipo de profesionais se achegaron a MD Boutique? Xente da moda que quere saber do potencial que ten a tecnoloxía para o seu negocio, ou profesionais cun perfil máis tecnolóxico?
– A verdade, un pouco das dúas, porque ao final a industria da moda engloba moito máis que as marcas, que por suposto son a alma (a que crea a moda) pero engloba unha serie de empresas moi grandes. Desde empresas que dedícanse a montar stands en feiras, até empresas tecnolóxicas, tamén de telefonía, marcas de moda... Un público moi variado, pero cada un deles percibía as oportunidades co que máis preto lle correspondía a cada un.

– Veremos algunha destas tecnoloxías na vindeira edición de Mundos Digitales?
– Aínda non podo dicir o que, pero en Mundos Digitales nunca descartamos nada. Deixo coa dúbida e coa intriga.

PUBLICIDADE