As Neves reflicte unha mocidade hiperconectada en pantalla grande

venres, 10 de maio do 2024 Marcus Fernández

Sonia Méndez estréase como directora con As Neves

Dende hoxe temos nas salas de cine galegas As Neves, filme de Cósmica Producións que amosa o contraste entre a hiperconexión e o illamento que viven uns mozos nunha vila galega. Para saber máis da ópera prima de Sonia Méndez como directora, conversamos con ela uns minutos.

– De onde xurdiu a idea de facer As Neves?
– Pois xurdiu de varios puntos. Un, que tiña moitas ganas de facer un filme de adolescentes con adolescentes en galego en Galicia, porque penso que é un target que está pouco traballado aquí. Por dicilo dalgunha maneira. Non hai moitos referentes audiovisuais con xente da súa idade. E ademais xente desta xeración, da xeración Z. Entón tiña moitas ganas de facer iso. E logo xerábame moita curiosidade tamén todo o tema dos rapaces que xa naceron en mundos dixitais, que xa son nativos completamente, e como contrastaba vivir en contornos naturais máis illados ou máis analóxicos, con ter o mundo no teu móbil. Unha xeración moi hiperconectada, pero, á vez, nun contexto de illamento. Entón, en toda esa zaragallada, naceu As Neves.

– Foi un reto amosar a hiperconectividade da mocidade en pantalla? Que pasa actualmente no audiovisual que se reflicte unha sociedade ficticia na que a xente só usa os móbiles para falar?
– Gravar móbiles non é unha cosa bonita. Non é esteticamente algo que dea un plano chulo, pero creo que conseguimos que entrasen moi ben no filme como linguaxe, porque había escenas de secuencias que directamente estaban escritas en mensaxes. Iso había que facelo, pero como fixemos? Fixémolo a través desas conversas que les teñen e que se escriben nos móbiles, pero tamén a través de como reaccionan os seus rostros a esas conversas. Porque cando ti estás guasapeándote con alguén, tamén estás reaccionando, e ás veces a reacción non é a mensaxe, senón o que cres que significa esa mensaxe. Xogamos moito con iso dende a dirección de fotografía e dende o tratamento de planos. Creo que conseguimos integralo dunha maneira moi fluída na peli, e que non quedase como un parche aí o tema dos móbiles.

– Abordas a problemática dos sexting. Foi algo que se introduciu como eixe da trama de xeito orgánico ou existía algún tipo de motivación didáctica?
– Eu non teño ningún tipo de vocación didáctica, de feito, evito moito o tema do adoutrinamento, de poñerme aí por riba dos rapaces dicindo que bo e o que malo. O tema do vídeo é algo que forma parte das súas vidas, compartir un vídeo é algo máis normal, facelo rápido e sen pensar tamén, e ao final estes rapaces son xente boa facendo cousas malas sen querer, e o vídeo non é algo que se faga intencionadamente, pero ese é o poder e ese é o perigo, que a través dunha tecnoloxía, como ter un móbil, podes espallar unha mensaxe que pode facer moito dano, e ter unhas consecuencias moi fortes, e non momento non te decatas, pero creo que iso pódelle pasar a un rapaz novo, e pódeme pasar a min ou a calquera. De feito, estanos pasando, que temos aí as fake news, e xa a xente non distingue o que é verdade e o que non é verdade... actuamos en consecuencia... Entón penso que iso non é unha cuestión só do mundo adolescente. Non é unha película que fale de sexting ou do mal uso das tecnoloxías. Simplemente fala dunha xeración de adolescentes nun contexto histórico determinado, que é este, onde teñen estas tecnoloxías, e así é como se relacionan. Iso tiña que pasar. Está aí, pero non é do que vai exactamente a peli. A peli é unha viaxe, un drama psicolóxico que segue a reacción destes rapaces, e como viven o proceso de desaparición da súa compañeira, e esas emocións todas vividas por primeira vez, porque son adolescentes É diso do que vai a peli realmente.

– Na película tamén metes detalles como que acontece cando quedamos sen conexión no móbil. Estamos condenados a que o cine teña que ambientarse en séculos pasados para que as tramas non poidan solucionarse cunha simple chamada telefónica?
– Nesta peli non se usa por iso realmente, de feito é o contrario. Comunícase todo o tempo polos móbiles e logo, e cando empeza o forte a pecharse, cando empezan a perder eses apoios que teñen, o efecto de que se vaian desconectando e que o mundo se vai volvendo analóxico, é máis unha cuestión de, de tratamento narrativo que non ten que ver con este punto.
Pero si que é certo que agora mesmo, cando ti escribes un guión de suspense ou de thriller é moi difícil atopar os camiños... Hai que usar recursos como non ter cobertura, estar nun ascensor, quedar sen batería... Pero tamén, podes cargala rápido, ou pedirlle a alguén outro móbil.
Vendo a peli de Fallen Leaves de Kaurismäki, que está ambientada nos nosos días, chamábanse por teléfonos analóxicos destes de antigos porque son superbonitos. É cine e iso é un recurso. E como os coches, que antes eran bonitos de filmar e agora parécenme horribles para compor un plano. Creo que agora pasa un pouco coa tecnoloxía.

– Unha cousa que pode resultar rechamante da película é que se amosa constantemente a perspectiva da mocidade, de xeito que aínda que hai adultos ao redor, apenas son visibles. De onde saíu esta idea? Foi un xeito de achegarse á mocidade?
– Era unha premisa dende o inicio desta historia e de como se ía contar. Tiñamos que estar todo o tempo cos rapaces, non podiamos saber nada que eles non souberan, nin estar en sitios onde eles non estiveran. Entón, o mundo adulto está en off porque a cámara está á súa altura e está posta para que empatices con eles e esteas con eles e entendas o que sucede a través deles e a través de como eles o viven. E, ademais, é unha película moi atmosférica e de emoción. Se conectas dende o principio, entras nesa viaxe con eles. Non é unha película de peripecias. Non é unha película na que pasen moitísimas cousas. O que pasa, pasa nas súas cabezas. Entón, tes que empatizar con eles. E o mundo adulto está fora porque non está o mundo adulto. É dicir, cando eles teñen conversacións entre eles, non está o mundo adulto. E, se está, ten que ser a través deles. Se está, é porque os maiores están falando detrás ou escoitan algo que eles dixeron.
Isto era unha premisa imprescindible e creo que é un punto tamén un pouco diferencial da peli.

– Aparte do apoio de institucións públicas, entre as entidades participantes en As Neves figura HBO Max. Quere iso dicir que veremos pronto a produción dende as nosas casas? Terá proxección internacional?
– E que o público vaia ao cine, a verdade, gustaríame moito. Pero si, efectivamente, temos, aparte de Televisión Española e Televisión de Galicia, temos a fiestra de HBO Max, que é unha fiestra moi importante e que creo que nos vai axudar moito. Pero, igualmente, digo que a experiencia cinematográfica se se pode que se viva.
Con respecto á distribución internacional, está por facer, pero está en camiño.

– E de cara á promoción, como tedes pensado dar a coñecer o filme entre o seu público obxectivo? Tirar principalmente de redes sociais? Ou tedes previsto facer incluso proxeccións en centros de ensino?
– Aínda que é unha película onde saen os adolescentes tamén é un filme para un target adulto. De feito, a min me parece que é unha peli moi guai para que vaias ver cos teus fillos. E é unha peli adulta, ou sexa, que a xente non pense que vai atopar aí un high school americano, porque non é esa a película. O target é da nosa idade e, por suposto, para os rapaces tamén. E creo que é interesante precisamente que é unha película na que ti podes establecer un diálogo cos teus fillos adolescentes e ir vela xuntos e logo entendelos mellor e falar con eles dentro de outro punto. Creo que iso tamén é guai.
Estamos facendo todo tipo de promoción. Estamos promocionando dende pegadas de carteis na rúa, en centros educativos, até ir a programas e, por suposto, polas redes. Temos noso Instagram, e estamos facendo moita promoción tamén en redes e online. Eu penso que funciona un pouco ao revés. O sexa, ti entras un pouco nas redes e promocionas o filme, pero até que o filme non vaia ás salas, se a xente non o empece a ver e a falar del, a xente non vai ir de volta ás túas redes, porque tampouco sabes o que estás seguindo. Somos un reparto novel, caras descoñecidas, dirección novel, etc. Entón, non é que ti te vaias a poñer a seguir a As Neves se non sabes exactamente o que é. É como un camiño de ida e volta que estamos experimentando, que nunca se sabe.

– Os tempos no audiovisual son moito máis longos do que podemos pensar dende fóra, e cando vemos unha estrea no cine non somos conscientes de que a xente que traballou nesa produción xa está embarcada noutros proxectos que en moitos casos tardaremos anos en ver. Podes adiantarnos que será o vindeiro que veremos de Cósmica Producións?
– Nós agora queremos producir a película de Lucía Estévez (As defensas), estamos traballando nesa preprodución, pero aínda queda un longo camiño. Tamén desenvolvendo a película de Irene Pin (Terás que saltar), desenvolvendo outros filmes doutras directoras, porque a nosa idea é producir a directoras e non só os meus traballos, obviamente.

PUBLICIDADE