A tecnoloxía 4G de Vodafone, a exame
martes, 17 de setembro do 2013

- Probando os novos recursos tecnolóxicos de Vodafone en Celularis.com
A espera de que podamos coller o noso smartphone
dende as cidades galegas e tirarlle partido real á tecnoloxía 4G (o
seu despregue por estas terras está en proceso na Coruña e Vigo),
quixemos ver na Rede o que contan os demais. Dende
o blog Xataka amosaron os días pasados as primeiras impresións
do novo servizo de Vodafone ao remate dunha semana de probas
avaliando o comportamento do mesmo. Javier Pastor, principal
responsable deste exame, cualificou o proceso de moi interesante,
en boa medida porque permitiu tirar do fío da reflexión e atopar as
claves do que poderá ser a comunicación do futuro, unha
comunicación que encherá baleiros e fornecerá moldes de contido:
todos eses conceptos como Cidade Intelixente ou Fogar Dixital ou
Computación na Nube cos que se nos van ríos de tinta pero que nos
custa explicar con exemplos concretos do día a día de tódalas
persoas. Para Pastor, o cambio que imprime a tecnoloxía 4G é
brutal, amais de representar un chimpo dramático nas conexións de
datos nos dispositivos móbiles.
E máis se temos en conta que o blogueiro en
cuestión parte dunha situación ben diferente á que se nos ofrece
agora: unha situación que nos remite aos primeiros anos de Internet
en España nos que se fornecían módems de 56 kbps nas primeiras
conexións de ADSL.
Segundo nos contan dende Xataka, tecnoloxías como
2G e 3G morden o po perante o que ofrece a 4G. Sobre todo porque a
3G, malia cumprir cun mínimo de requirimentos, non foi quen de pór
en xogo a banda larga móbil que moitos usuarios arelaban. A banda
larga de verdade chega finalmente coa 4G/LTE, coa operadora Vodafone
adiantándose ás demais en materia de fornecemento de rede, un
proceso que como dixemos nas páxinas anteriores aínda está en
marcha e irá chegando paseniño ás principais cidades e logo ao
resto de espazos urbanos da nosa xeografía.
Na Rede, tanto en Xataka como noutros espazos en
liña onde xa se tivo o privilexio de probar estes recursos, o
primeiro que chama a atención, en termos concretos, é a
posibilidade de acadar velocidades de carga de datos 20, 30 ou 50
veces maiores cás que se tiñan gozado ata o de agora. E iso, claro
está, sen chegar ao límite ofrecido, eses 150 Mbps en descarga e 50
Mbps en carga, uns parámetros que se ben locen moito, certamente só
serán precisos (polo de agora) para quen demande unhas condicións
axeitadas para o fluxo masivo de información. A mellora con respecto
á tecnoloxía previa, sinalan, é certamente apreciable no día a
día e non só para tarefas tan comúns como descargar o correo,
navegar por Internet ou escoitar música en servizos de streaming, cousas para as que se obteñen
garantías dun rendemento moito máis óptimo. Non, a diferenza
básica é que agora tamén se pode obter bo rendemento para procesos
como streaming de vídeo (vídeos en alta
calidade a través do móbil e cunha oferta masiva), computación na
nube e traballo a distancia, sincronización masiva de información
(non será preciso agardar a estar no radio de alcance dunha rede
Wi-Fi para fozar nas nosas contas das redes sociais e subir a elas,
por exemplo, fotos de alta calidade) ou xogos en liña.
Todo isto, por certo, ten capacidade para
permitirnos (nalgúns casos) desbotar recursos de tipo máis
tradicional, como por exemplo o ADSL. De feito, para que precisarían
moitos usuarios tecnoloxía ADSL se esta achega para o común deles
entre 10 e 20 Mbps de baixada e a 4G, en circunstancias normais,
triplica ou cuadriplica eses números? E xa non digamos os números
de suba, que case os multiplica por dez.
Viaxando por outras webs e outras opinións tamén
atopamos estes días a de Albert Cuesta (CanalPDA
de El Economista), que xa tivo oportunidade de experimentar co
novo servizo nunha das primeiras cidades que contou con estre
privilexio, Barcelona. Fíxoo a través do seu MacBook, a unha
velocidade de case 30 Mbps a través da rede móbil, con 1,32 de suba
e un beneficio adicional de latencia mínima, de 44 milisegundos.
Conclusión: a conexión móbil obtida resultou ser máis rápida có
82% de tódalas efectuadas dende España por calquera medio. O
contraste entre tecnoloxía 4G e a achega previa, a 3G, tamén foi
salientable. A través desta última, Cuesta acadou números ata 60
veces menores. “En calquera caso”, explica, “a experiencia de
uso da conexión LTE é espectacular: o audio e o vídeo en streaming
flúen comodamente e as páxinas web descárganse a toda velocidade”.
Polo que respecta ás probas e valoracións feitas
en Madrid, Javier Lacort conta en Celularis.com
que á espera de que cheguen os servizos de Orange e Yoigo, os exames
foron feitos sobre a tecnoloxía que fornece Vodafone e, máis polo
miúdo, sobre un LG Optimus G. Para comezar, infórmase de certas
carencias na cobertura, pois non foi posible acadar as velocidades
de descarga ofrecidas en zonas teoricamente de moi boa cobertura.
“Iso si”, engaden, “as velocidades de subida son practicamente
simétricas, a cal é a mellor nova, xa que semella que por fin os
operadores comprenden a esencia do consumidor actual, que xa non só
consume contidos, senón que tamén os crea, polo que precisa que a
velocidade de subida de arquivos sexa decente”.
As velocidades acadadas, explican, oscilan moito e
todas en exteriores, ao descuberto. “A cobertura en interiores é
nula”, explican, “xa que aínda se depende da banda de 800 MHz,
que será liberada o próximo mes de xaneiro”.
