Vodafone prepara a chegada da súa rede 4G á Coruña e Vigo

mércores, 4 de setembro do 2013 Marcus Fernández

As redes de telefonía móbil de cuarta xeración continúan o seu avance pola nosa xeografía, e un dos operadores que está a espallar a máis velocidade a súa nova rede LTE é Vodafone, que en maio estreouse en 7 cidades españolas e que finalmente vai chegar a Galicia, pois veñen de confirmar que en setembro desembarcará en Santander, A Coruña e Zaragoza e en outubro fará o mesmo en Córdoba, Vigo, Murcia, Xixón e Oviedo. Espérase que nestas cidades a cobertura de 4G chegue ao 58% da poboación en exteriores e ao 27% en interiores, mellorando paulatinamente para conseguir espallarse ata un 70% en exteriores e un 40% en interiores xa no mes de decembro.
Aínda que inicialmente Vodafone tiña previsto cobrar pola mellora das conexións 3G a 4G, os actuais clientes de Vodafone con contratos que inclúan datos móbiles poderán gozar da nova tecnoloxía móbil de balde, para o que deben activar o servizo Vodafone 4G nunha tenda Vodafone ou chamando ao servizo de atención ao cliente.
Actualmente Vodafone ten no seu catálogo máis de 22 dispositivos que facilitan a conexión a redes 4G, de xeito que os seus usuarios poderán gozar tanto das maiores velocidades de transferencia de datos como da máis notable redución da latencia das comunicacións, o que resulta crucial para actividades en tempo real como videoxogos en comunicacións en liña.
Polo momento Vodafone está a empregar as bandas dos 1.800 e 2.600 MHz para ofrecer 4G, polo que non espera á liberación da banda dos 800 MHz (ocupada actualmente por varias canles de TDT) que será a que supoña un maior avance desta tecnoloxía para o ano que vén, especialmente por permitir unha maior penetración no interior dos edificios.

Vodafone SmartPass precisa dunha aplicación para móbiles con NFC

Pagamentos dende o móbil


Vodafone España tamén está a anunciar estes días que os seus clientes poderán empregar Vodafone SmartPass antes de rematar o ano, o que permitiralles facer pagamentos co móbil en máis de 250.000 establecementos do Estado grazas a un acordo entre Vodafone e VISA, e que tamén permitirá o transvase de saldo entre usuarios SmartPass con só saber o seu número de móbil.
Este novo sistema de pagamento aproveita a tecnoloxía NFC que teñen moitos dos móbiles actuais, e precisará dunha aplicación que funciona a xeito de tarxeta virtual (Vodafone SmartPass), aínda que os clientes de Vodafone que non conten cun dispositivo deste tipo poderán solicitar unha tarxeta NFC que se adhire ao móbil e o habilita para utilizar esta nova solución.

Fútbol, cine e series, tamén en dispositivos móbiles


Outro interesante anuncio de Vodafone é que vén de chegar a un acordo estratéxico con Canal+ para ofrecer os contidos da plataforma en liña Yomvi para que os seus clientes particulares poidan gozar dos contidos de Yomvi a través de dispositivos móbiles (3G e 4G) e fixos (ADSL, VDSL e fibra).
O servizo de vídeo en liña e Canal+ está dispoñible a través de televisores conectados, videoconsolas, tablets e smartphones, tanto con iOS como con Android, que estivo a funcionando en probas nas últimas semanas e que agora estrea en fase piloto as canles Canal+ Liga e Canal+ Liga de Campeones por 10 euros/mes + IVE; en xaneiro o servizo de Yomvi ofrecerá todos os seus contidos para todos os clientes de telefonía móbil; e en marzo Canal+ Liga, Canal+ Liga de Campeones, as series de televisión e o cine optimizaranse para o servizo de fibra de Vodafone.