Vodafone amosa unha web accesible con información sobre os vieiros verdes estatais
xoves, 26 de setembro do 2013
Vodafone España e a Fundación ONCE veñen
de anunciar a súa colaboración na elaboración da Guía Vías
Verdes Accesibles, desenvolvida por PREDIF e a Fundación de
Ferrocarrís Españois co obxectivo de achegar múltiples detalles
(accesibilidade física, visual e auditiva) de dez vieiros de
diferentes comunidades e máis da oferta turística de cadansúa
contorna. A guía, que permite que cada usuario planifique a súa
viaxe e elixa o seu destino en función das súas necesidades, dispón
de contidos en lectura doada, especialmente concibidos para persoas
con diversidades intelectuais, funcionais ou motrices. Achégase
nunha web accesible
“ao cen por cen”, sinalan as entidades responsables da mesma,
que se adapta a todo tipo de dispositivos (computador, tablet ou
smartphone).
Segundo explica Vodafone, emprestouse a máxima
atención en acadar funcións e contidos empregables para tódalas
persoas, en especial para as que teñen diversidades funcionais
ligadas á visión. A web manterase viva e en desenvolvemento coa
actualización dos datos existentes e a introdución de novos
vieiros. Lembrar que as vías verdes son antigos trazados
ferroviarios en desuso que foron rehabilitados recentemente como
roteiros abertos a camiñantes e ciclistas. Arestora hai en España
100 vieiros destas características, sumando unha lonxitude de 2.000
quilómetros. Na web presentada por Vodafone non foi incluído polo
de agora ningún roteiro galego, aínda que agardamos que en
vindeiras actualizacións podemos coñecer os detalles dun trazado da
nosa terra, amais de amosarllos ao mundo.
