Vimianzo estrea sede electrónica

venres, 28 de decembro do 2012 Redacción

Pola Costa da Morte os baleiros e os desleixos históricos das administracións en materia de infraestruturas, estanse a contraatacar, dende algúns gobernos locais, con iniciativas innovadoras nas autoestradas do coñecemento. É o caso do de Ponteceso, que presentou recentemente as súas rutas 2.0 e máis (xa en 2011) a rede Wi-Fi municipal en probas, e agora anuncia a inminente posta en marcha da súa sede electrónica. A maiores, cómpre engadir o caso de Vimianzo, que os días pasados activou, tamén a súa sede en liña. Segundo informan dende Que pasa na costa, que nos ten ao tanto de todas estas andainas dixitais da comarca, Vimianzo será, deste xeito, o primeiro concello da bisbarra en contar co dito servizo, constituíndose como o noveno da provincia.
Lembrar que contar con sede electrónica non é o mesmo que contar con presenza web. Neste punto, a totalidade dos concellos galegos, con máis ou menos éxito, con máis ou menos compromiso, está cubertos. A diferenza dunha sede en liña radica na posibilidade real, de facer as cousas que viñamos facendo nos consistorios como se estivéramos neles, pero sen estar. Ou sexa, estando a través das redes. Este, non outro, é o miolo da cuestión Administración Electrónica: permitirnos a tódolos implicados establecer comunicación coas institucións e realizar trámites, sen necesidade de facer acto de presenza. E todo coa vantaxe de non ter que desprazármonos nin de ter que atender aos horarios dos concellos. De feito, as sedes electrónicas están abertas as 24 horas do día durante todo o ano.
Segundo nos conta o dito medio galego, o servizo dixital do concello de Vimianzo está xa dispoñible en sede.vimianzo.es e púxose en marcha oficialmente o pasado día 19 de decembro, sendo o propio alcalde, Manuel Antelo, o encargado de inauguralo desenvolvendo o primeiro trámite telemático. O servizo, entre outras cousas, permite un determinado número de operacións administrativas e evitando suplantacións a través de recursos como os certificados electrónicos que aseguran que o cidadán, na súa operación en liña, é quen di ser. Os trámites son do máis variado, dende empadroamento ata solicitude de información urbanística e tramitación de licenzas, entre outros.