Un motorista galego pendura na Rede vídeos circulando a 270 quilómetros por hora

xoves, 29 de novembro do 2007 Raquel Noya

Segundo recolle o diario dixital Lavozdegalicia.es, até hai poucas horas podíanse ver na popular web de vídeos en liña, YouTube, un total de once reproducións dun motorista pilotando o seu vehículo a velocidades que superaban os 265 quilómetros por hora en vías comarcais con curvas de infarto. Trátase dun condutor galego que penduraba as súas propias gravacións levando a cabo tales fazañas por estradas e aldeas de Arteixo, Carballo, Betanzos e Curtis. As imaxes deste fitipaldi que se fai chamar Cerillo, estaban en Internet dende hai unha semana e foron retiradas onte mércores, 28 de novembro, posiblemente porque, segundo o diario, “as fontes da Garda Civil de Tráfico xa comezaron a súa busca e aseguran que axiña caerá”. Nelas, unha cámara de vídeo colocada no manillar da súa Yamaha R1 recolle o velocímetro dixital na parte inferior e a estrada pasando a velocidades extremas na parte superior da pantalla, poñéndolle os pelos de punta até ó mesmísimo Pedrosa.
As autoridades sospeitan que “pola súa destreza en determinadas estradas comarcais, trátase dun individuo da zona”.

PUBLICIDADE