Un estudo revela que o contrasinal máis usado nos iPhones é 1234
mércores, 15 de xuño do 2011
Dende que temos uso de razón e capacidade para usar todo tipo de dispositivos electrónicos, debemos memorizar tal cantidade de contrasinais que, ás veces, non é raro que confundamos o do móbil co da tarxeta de crédito, ou este co do mans libres do coche.
O normal é, xa que logo, que moita xente empregue un mesmo contrasinal para todo, e xa de paso, un que sexa doado de lembrar para non pasar apuros no momento que faga falta.
O desenvolvedor Daniel Amitay, intrigado por saber qué tipo de contrasinais usaba a xente no seu día a día, fixo un estudo para saber cales eran os máis empregados polos usuarios de iPhone, e descubriu que o número de catro cifras máis usado como contrasinal era 1234.
Dificilísimo de dar con el; certo. Como igual de difíciles son os que lle seguen na listaxe dos máis frecuentados: 0000, 2580 (a fila do centro do teclado de arriba a abaixo), 0852 (o mesmo de abaixo cara arriba), 1111, 5555, 2222...
Outros contrasinais que inclúe o estudo son 5683, 1212 ou 1998, que á fin, tampouco son tan doados como os anteriores pero que seguramente son cifras que lles veñen facilmente á mente dos usuarios.
Amitay, que para o estudo desenvolveu unha aplicación de seu, a Big Brother Camera Security, estudiou 205.000 casos distintos, e demostrou que a maioría dos contrasinais aplican fórmulas clásicas como a de repetir un mesmo número ou escribir cifras correlativas, ascendentes ou descendentes no teclado numérico.
A data de nacemento é outra solución reiterada, e os anos comprendidos entre 1990 e 2000 tamén están entre os primeros 50 da listaxe.
O contrasinal menos previsible dos máis usados é o 5683, que nos vellos teclados con máis dun signo por tecla coincidía coa palabra “love”; e os números menos empregados para iniciar unha contrasinal son os 9, 8, 7 e 6, que, por algunha razón que descoñecemos, gústanlle menos aos usuarios de telefonía.
As dez combinacións achegadas neste estudo representan o 15 por cento entre 10.000 combinacións posibles, o que significa que, cunha tasa de acceso do 15 por cento, podemos a acceder con elas a un de cada 7 móbiles.
Esta repetición de fórmulas na elaboración do contrasinal do iPhone, reprodúcese a outro nivel nos contrasinais usados para acceder a contas propias. Nestes casos, o autor recomenda sempre mesturar cifras e letras e evitar as facilmente predictivas, como a data de nacemento, o nome da parella ou a matrícula do noso coche.
