Twitter lanza un servizo de eventos co que captar novos usuarios
xoves, 14 de outubro do 2010
As redes sociais están de rabiosa
actualidade por dous motivos. O primeiro deles é que estamos agardando como
auga de maio a que se estree oficialmente no noso país a película A Rede Social, baseada na historia do
creador de Facebook, Mark Zackerberg, e o segundo dos motivos vén a conto despois de ver o último informe
da UE sobre o uso das mesmas nos países membros, onde se indica que estamos á
cola de usuarios de redes sociais en Europa.
Xa que logo é normal que Twitter, unha
das ferramentas en liña máis populares da Rede, desenvolva unha política de
marketing específica para atraer a novos usuarios e superar así a outras curmás
semellantes.
A estratexia para conseguilo é o novo
servizo Events, co que o seu
cofundador, Evan Williams, asegurou que “Twitter
chegará aos mil millóns de membros”.
A diferencia do antigo Trends, que rastrexa palabras famosas,
frases o hashtags, Events rastrexará un grupo de letras que
se asocian cun evento e que, segundo os seus creadores, vai converter os 145
millóns de usuarios que ten actualmente a rede social nos mil millóns de
usuarios anunciados.
Para acadalos, a compañía pretende, entre
outras cousas, seguir incorporando novidades como o redeseño da súa interface,
facéndoa moito máis práctica e intuitiva, e con opcións de configuración que
tratarán de facer que sexa o menos intrusiva posible para os usuarios.
Porén a principal característica de Events (eventos) será precisamente
evitar que os usuarios reciban alertas innecesarias ou molestas se non están
interesados nalgún evento en concreto. A capacidade de poder filtrar os tweets
será, tal e como presume Williams, “un
elemento que os usuarios estarán encantados de empregar”.
