Telefónica, incluída entre os lideres internacionais en M2M

martes, 21 de maio do 2013 Redacción

Telefónica Dixital vén de ser recoñecida (pdf) como un dos líderes mundiais na Provisión de Servizos de Comunicación (CSP polas súas siglas en inglés), M2M, por dúas firmas de analistas da industria. Analysys Mason, no seu 2013 M2M Scorecard, empraza a Telefónica na escolma de iconas do sector mundial especializadas no dita tecnoloxía. Doutra banda, no seu estudo comparativo anual, Machina Research salienta que “Telefónica é a empresa que máis fixo durante os últimos 12 meses para reforzar a súa posición en M2M”.
Estes e outros estudos están a ser recibidos con moito optimismo por parte da operadora española, que considera que certifican que a firma vai polo vieiro correcto, na súa liña de iniciativas e investimentos emprendidos para afianzar as prestacións M2M globais, iniciativas nas que se conta a creación dunha alianza multioperadora que abrangue arestora a oito grandes corporacións do sector (incluída Telefónica) ou, tamén, o desenvolvemento da plataforma Smart M2M Solution.
O informe de Analysys Mason sitúa a Telefónica na categoría Industry Icons, que é onde se emprazan as compañías que sobresaen no mercado M2M, con meirande negocio e con maior capacidade para coordinar os seus efectivos e estratexias. No caso da firma española, Analysys Mason destaca a súa estrutura centralizada e a súa filosofía de colaboración con terceiros. No informe de Machina Research, identifícase aos catro líderes mundiais de CSP, entre os que se inclúe a Telefónica.
Lembrar que a tecnoloxía M2M, máquina a máquina, posibilita entre outras cousas que diferentes dispositivos compartan información a través dunha rede en determinado intre e sen que sexa precisa intervención do usuario. Ten aplicación en contadores de consumo, medios telemáticos que informan da localización exacta dos vehículos, alarmas de seguridade, lectores de tarxetas ou terminais de control de mercadorías.

PUBLICIDADE