Telefónica completa o despregamento de 4G en Ferrol
mércores, 13 de maio do 2015
Telefónica vén de
anunciar que
o despregue de tecnoloxía 4G en Ferrol chegou ao seu remate.
Deste xeito, incide a operadora, a poboación da cidade poderá gozar
de velocidades de navegación en Internet de ata 100 Mbps “en
todas as súas rúas e barrios”. Os traballos levados a cabo pola
firma durante os últimos meses implicaron o fornecemento de
tecnoloxía de banda larga móbil ultrarrápida en 11 estacións base
urbanas. Sinalar que estas infraestruturas operaban ata o intre dos
cambios con redes 2G e 3G. Ferrol únese así á listaxe de cidades
galegas que Telefónica cubriu ao completo con tecnoloxía 4G,
listaxe na que xa están Santiago,
Vigo
e A
Coruña.
Volvendo a Ferrol e aos
traballos desenvolvidos de adaptación á nova tecnoloxía, sinalar
que amais das modificacións e actualizacións realizadas nas
estacións base, procedeuse a conectar estas infraestruturas coa rede
de fibra óptica da operadora, “mellorando desta maneira o servizo
de transmisión de datos ao contarse cos factores adaptabilidade e
flexibilidade deste medio de transporte, que permite ampliar a
capacidade ou tráfico de datos cursado en situacións de alta
demanda”. Lembrar que as velocidades de navegación de ata 100
Mbps deixan ampla marxe para a descarga e o intercambio instantáneo
de arquivos como música, contidos de alta definición. Tamén
posibilitan as mellores condicións para o uso de videoxogos en liña.
Telefónica engade que
continuará levando 4G a outros puntos de Galicia durante os
vindeiros meses, ampliando para iso o número de estacións base en
servizo que contan con esta tecnoloxía. “Este feito”, explica a
operadora, “suporá un aumento da cobertura en interiores e unha
maior capacidade da rede, o que lle permitirá estar preparada para o
previsible incremento nos próximos anos do uso de terminais 4G e da
demanda de datos”.
