Tecnopeixe renova a súa web con contidos máis interactivos

luns, 25 de outubro do 2010 Raquel Noya

A Plataforma Tecnolóxica Tecnopeixe, a fin de facer os seus contidos máis interactivos e permitir que as persoas que accedan á mesma poidan aportar información de interese para o sector, vén de renovar a súa páxina web, e de introducir na mesma o concepto 2.0, necesario para este labor.
Coa posta en marcha destas melloras, a Secretaría Técnica da plataforma, que é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar, asegura que “pretende abrir novas vías de difusión e dinamización e contribuír á implantación e ao uso das tecnoloxías da información e comunicación no sector marítimo-pesqueiro”.
Isto significa que a partir de agora, toda a información xerada sobre proxectos, iniciativas tecnolóxicas, oferta e demanda tecnolóxica ou calquera tipo de contidos de interese para a plataforma, estará a disposición de todos os membros do foro, no momento e no formato que propoñan as persoas usuarias, que formen parte da rede.
Na mesma liña, Tecnopeixe, vén de crear un perfil de usuario en Facebook, onde os e as internautas interesadas poden compartir novas, ligazóns, eventos e información de interese para o sector. No caso das persoas que prefiran recibir as novidades no seu correo electrónico, poderán facelo subscribíndose ao RSS figurará no portal proximamente.
A páxina, malia aos cambios realizados para meterse de cheo na Internet 2.0, segue a conservar moitos dos seus antigos bloques de contidos, entre os que destacan o apartado de información sobre a propia plataforma, as ligazóns de acceso a novidades e novas de interese para o sector, as convocatorias, as actividades e a documentación xerada en torno a este tema.
Asemade, segue operativa a zona privada, á que teñen acceso só os socios e onde os contidos corresponden a un interese máis particular.