Sateliun lanza a versión en galego da súa app para a xestión de vehículos por GPS

luns, 11 de decembro do 2017 Redacción

A tecnoloxía Sateliun, dirixida a facilitarnos a xestión de vehículos a través de GPS e dos nosos móbiles, xa está dispoñible en galego para dispositivos con sistemas Android. Ademais, segundo nos conta a compañía do mesmo nome, con sedes principais en Coruña e Vigo, a versión na nosa lingua da aplicación de xeolocalización estará nas vindeiras semanas operativa para iOS. En palabras dos responsables de Sateliun, trátase da primeira aplicación móbil de xestión de frotas por GPS que está accesible en galego.
O lanzamento desta pioneira versión para Android responde “ao obxectivo de ofrecer unha atención máis personalizada, para a localización dos máis de 20.000 vehículos que empregan a tecnoloxía de Sateliun en España e Portugal”.
Ademais, dende o seu centro de desenvolvemento tecnolóxico en Cambre (A Coruña), Sateliun traballa arestora, como dixemos, no lanzamento nas vindeiras semanas dunha versión en galego dispoñible tamén para dispositivos iOS a través da App Store de Apple.
A maiores, e co mesmo obxectivo de seguir a mellorar a atención aos usuarios da súa aplicación, a marca prevé a incorporación durante o ano 2018 doutras dúas versións, en catalán e éuscaro.
Por certo que a selección do idioma da ferramenta móbil en Android faise de forma automática en función do idioma configurado no dispositivo móbil do usuario.
Como lembraremos, a aplicación de Sateliun permite a localización e control en tempo real de mercadorías e de todo tipo de vehículos industriais e comerciais, para, en palabras da empresa, “acadar unha maior eficiencia, aumentar a produtividade, mellorar a seguridade e reducir os custos operativos”. A ferramenta, engaden os seus desenvolvedores, posibilita “non só coñecer ao momento todo tipo de parámetros sobre os vehículos dunha empresa, senón tamén contar cun histórico de datos, con informes a medida e cun sistema personalizado de avisos no caso de incidencia”.
A tecnoloxía GPS de Sateliun xestiona os vehículos de empresas con frotas de diferentes tamaños, dende multinacionais ata PEME e autónomos, con clientes como Inditex, GADISA, Vegalsa-Eroski, Central Lechera Asturiana e Securitas Direct.