SEK e o colexio Julio Verne formarán parte do programa Escolas Innovadoras de Microsoft

mércores, 20 de outubro do 2010 Raquel Noya

Microsoft, no marco do seu programa Escolas Innovadoras, a través do cal ofrece asesoramento, mellora e avaliación dos entornos de aprendizaxe para ir “alén das aulas” e e superar os modelos tradicionais de ensino, vén de seleccionar á Institución Educativa SEK e ao colexio Julio Verne (do Grupo Sorolla) para converterse “en axentes de cambio da educación a través das tecnoloxías”.
Logo dun riguroso proceso de selección, estes centros pasan agora a formar parte dunha “selecta” comunidade á que só pertencen 80 escolas en 46 países de todo o mundo.
Grazas ao programa de Microsoft, estes dous centros españois traballarán man a man coa compañía tecnolóxica, para levar á práctica os recursos e ferramentas dunha educación innovadora e converterse así nun modelo a seguir.
O programa Escolas Innovadoras está baseado na idea de que os profesores innovadores só poden prosperar cun sólido soporte do sistema, de xeito que ofrece ás persoas responsables das escolas a oportunidade para aprender de expertos e colegas en todo o mundo. Así, os colexios poden converterse en ámbitos de aprendizaxe máis innovadores para os estudantes. A Institución Educativa SEK e o Colexio Julio Verne demostraron a súa capacidade de aplicación da tecnoloxía á educación con senllos proxectos innovadores que foron valorados moi positivamente por Microsoft.