Retiran o programa de exploradores de Google Glass
xoves, 15 de xaneiro do 2015
Tras numerosos rumores que daban por morte e enterrado o
proxecto das lentes de Google, anuncian hoxe que o Programa Glass Explorer, que
estaba nunha fase de probas aberta, vai dicir adeus, de xeito que esta
iniciativa que permitía a desenvolvedores e público en xeral mercar un
prototipo de Google Glass rematará o
vindeiro día 19, o que non quere dicir que as Glass vaian desaparecer para
sempre, pero si que desaparecen na súa forma actual, pasando agora a unha fase
de desenvolvemento fóra da luz dos focos.
Dende Google aseguran que o Programa foi unha grande iniciativa que permitiu
realizar un grande experimento con tecnoloxía wearable para múltiples usos en áreas moi diversas, de aí que agora
opten por “graduar” o proxecto dos
laboratorios Google X (para proxectos experimentais) para que pase á propia
compañía. Coméntase que será
Tony Fadell, co fundador de Nest, quen tomará agora as rendas de Google Glass,
de xeito que o produto iniciaría agora unha nova xeración que desenvolverase
dende un equipo independente comandado por Ivy Ross.
Tras estes anuncios e rumores resulta difícil adiviñar cal será o futuro de
Google Glass, pero o que parece evidente é que non veremos un produto comercial
a curto prazo, dando a impresión de que o produto ve adiada a súa saída á rúa a
uns tempos nos que poida ter unha boa acollida por parte dos consumidores, que
aínda non parecen ter asumido como algo habitual a tecnoloxía wearable.
