Recoñecemento estatal para a aposta TIC de Lugo en materia de sustentabilidade
xoves, 16 de xuño do 2016
O Concello
de Lugo vén de ser obxecto dunha distinción ao seu traballo en
sustentabilidade e en tecnoloxías ao servizo desa sustentabilidade.
O recoñecemento (premio Escoba de Ouro 2016) foi concedido pola
Asociación Técnica para a Xestión de Refugallos, Aseo Urbano e
Medio Ambiente (ATEGRUS), colectivo formado por profesionais do
sector que salienta e visualiza, con este tipo de galardóns, as
políticas positivas en materia de xestión de residuos e avances
tecnolóxicos dirixidos a este ámbito. Segundo a alcaldesa, Lara
Méndez, o galardón “supón un recoñecemento ao bo facer do
Concello, dos 120 traballadores do servizo e da implicación dos
98.134 lucenses”. Tamén, nun plano TIC, salienta o potencial das
tecnoloxías smart de Liña Verde.
A rexedora deu a coñecer a distinción acompañada
do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro,
que recollerá hoxe o premio en Madrid, no marco da Feira
Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente.
Segundo explicou a alcaldesa, o recoñecemento
débese á aposta clara do Goberno local “por manter e recuperar
espazos públicos e mantelos en boas condicións”, por favorecer a
concienciación cidadá e pola aplicación das novas tecnoloxías,
por exemplo a posta en marcha da aplicación de balde para
dispositivos móbiles, a
ferramenta Liña Verde, dirixida a fomentar as boas prácticas
arredor da xestión colectiva de residuos e lixo.
Como lembraremos, a app Liña Verde permite
que calquera cidadán poida facer consultas, notificar incidencias ou
acceder a todos os datos relativos ao medio ambiente de Lugo e a súa
contorna. Dende o seu lanzamento, en 2013, Liña Verde abrangueu unha
manchea de incidencias comunicadas (o 90% das cales, lembrou a
alcaldesa, foron solucionadas polo Concello). Segundo engadiu a
rexedora, trátase dun recurso tecnolóxico “eficaz e de gran
utilidade” para, por exemplo, fornecer avisos sobre mantemento de
parques e xardíns, de recollida de lixo, de limpeza e de
acondicionamento de sumidoiros.
