PlayStation deixará de lanzar en PC os seus xogos narrativos
luns, 18 de maio do 2026

- Nos últimos anos PlayStation puxo á venda para PC os seus grandes xogos para un xogador
Bloomberg asegura que Sony está a dar marcha atrás na súa política de publicar en PC os grandes xogos de PlayStation, recuperando unha estratexia centrada na exclusividade para consola que durante décadas definiu a marca. Os plans actuais pasan por manter en PlayStation 5 títulos para un único xogador como Ghost of Yotei ou Saros, abandonando a intención de levalos tamén a Steam e outras plataformas de PC. Esta información tería sido comunicada aos traballadores dos estudios de PlayStation por parte do seu director xeral, Hermen Hulst.
A mudanza suporía un cambio relevante respecto da política de publicación iniciada en 2020, cando PlayStation comezou a adaptar a PC algunhas das súas franquías máis recoñecibles, como God of War ou The Last of Us. Dende entón, a presenza de xogos de Sony en PC foi aumentando, aínda que cun calendario irregular e sen unha política especialmente clara sobre tempos de exclusividade ou compatibilidade entre plataformas.
As fontes consultadas aseguran que os xogos multixogador e de servizo continuarán apostando pola distribución multiplataforma. Proxectos como Marathon ou Marvel Tōkon seguirían chegando tanto a consola como a PC, mentres que as producións narrativas e centradas na experiencia individual quedarían ligadas ao ecosistema PlayStation.
Internamente existiría preocupación por un posible impacto negativo sobre a marca PlayStation e sobre as vendas de hardware. Parte dos directivos considerarían que lanzar os principais xogos en PC reduce o atractivo diferencial da consola, especialmente nun momento no que Sony prepara a transición cara ás futuras xeracións de hardware.
O rendemento comercial dalgúns lanzamentos recentes en PC tamén influiría nesta decisión. Varias adaptacións non acadaron as expectativas previstas, mentres que determinadas medidas, como a obrigatoriedade de empregar contas de PlayStation Network en títulos distribuídos a través de Steam, xeraron críticas entre os usuarios de PC.
O escenario competitivo tamén mudou nos últimos anos. Nintendo continúa apostando por unha política case totalmente pechada arredor de Switch e das súas franquías propias, mentres Microsoft evolucionou cara a unha estratexia claramente multiplataforma, publicando os seus xogos tanto en Xbox como en PC e, cada vez máis, tamén en PlayStation.
Outro elemento que estaría condicionando os plans de Sony sería a futura Xbox baseada en Windows que diversos rumores levan meses anticipando. A posibilidade de que a vindeira consola de Microsoft execute xogos de PC de maneira nativa abriría a porta a ver franquías históricas de PlayStation funcionando en hardware rival, un escenario que xeraría reticencias dentro da división de videoxogos de Sony.
