Os maiores de Pontevedra serviranse das TIC para recuperar a memoria da cidade
martes, 5 de abril do 2016
O Concello
de Pontevedra presentaba o pasado 1 de abril Memoria
en rede, é un proxecto que xorde,
en palabras do Goberno local, coa arela de conectar dous tempos ben
distintos: o futuro e o presente no que estamos coas novas
tecnoloxías como eixo central co pasado coa recuperación da memoria
como motor principal. Memoria nun senso amplo: historias, lendas,
vivencias, vidas... Emporiso, sinalou o Concello, para chegar ao fin
desta proposta é preciso “contar coa axuda dos nosos maiores” e
ter en conta que non son nativos dixitais, que teñen estas
tecnoloxías como algo alleo e en moitas ocasións, que lles xera
rexeitamento e aversión.
Cómpre sinalar que esta idea botará a andar en
Mourente. As aulas darán comezo o vindeiro martes 12 de abril no
Local Social de Cons e estenderanse durante 10 semanas, todos os
martes e xoves, dende as 16:30 ata as 19 horas.
Durante as primeiras semanas, aprenderán o manexo
básico dun computador, a desenvolverse cun procesador de textos, cun
escáner e cunha gravadora. No intre no que se atopen preparadas
nestas competencias, poderán comezar a compartir con todas e todos
nós o que desexen contarnos. Ben a través de fotografías das que
dispoñan (fotos antigas cunha historia detrás), ben contándonos
tradicións dos seus lugares de procedencia, lendas… o que elas
desexen.
De seguida, os contidos serán
pendurados nun blog
onde todas e todos poderemos gozar del.
Para inscribirse á Memoria
en rede é preciso chamar ao
teléfono do concello (986 80 43 00 e premer a extensión 7111), en
horario de mañá.
