Os enxeñeiros técnicos en Informática organizan unhas xornadas sobre informática forense

venres, 25 de outubro do 2013 Redacción

O vindeiro mes de novembro -os días 8, 9, 15 e 16- levarase a cabo en Santiago un curso práctico sobre Peritaxes e Informática Forense organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), inserido no marco do convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O curso en cuestión terá lugar no Gran Hotel de Santiago de Compostela en horario de tarde os venres 8 e 15 (16:30 a 21:00 horas) e na xornada dos sábados 9 e 16 (9:00 a 14:00 horas e 15.30 a 18.30 horas) cunha duración de 25 horas, formando parte da programación da Aula de Formación e Capacitación Profesional do CPETIG.
E a quen vai encamiñada esta acción formativa? Pois aos actuais enxeñeiros técnicos e enxeñeiros en informática e estudantes das enxeñarías en informática. Cal é o obxectivo destas xornadas? Con esta acción preténdese formar aos asistentes nas últimas técnicas e boas prácticas na análise forense e práctica pericial, dividíndose o programa en 8 módulos a través dos que se tratarán diversos aspectos: como realizar unha correcta recollida de evidencias en todo tipo de dispositivos, como xerar un informe forense, como degrañar todos os pasos necesarios para realizar unha correcta análise forense...
Cómpre informar que este curso correrá a cargo de Ignacio Briones Martínez (enxeñeiro en informática, máster en seguridade e auditoría informática e Certified Informaticon System Auditor (CISA) e Juan Luís García Rambla (director do departamento de seguridade TIC de Sidertia Solutions e autor do libro Un forense levado a xuízo).
Informar aos asistentes que se lles fornecerá unha contorna virtualizada en Virtual Box con catro escenarios sobre os que se realizará a formación. Emporiso, para poder seguir o curso, cada alumno deberá acudir co seu propio computador portátil.
En canto á matrícula, o prazo de inscrición manterase aberto ata o 4 de novembro, estando o número de prazas dispoñibles limitado (adxudicándose por orde de inscrición). O prezo ordinario da matrícula é de 300 € (incluíndo o xantar nas dúas xornadas do sábado); para os estudantes, colexiados e precolexiados do CPETIG haberá importantes descontos.
Para realizar a matrícula será preciso enviar por email a cursoperitaxes@cpetig.org o formulario de inscrición, que se pode atopar na web do CPETIG.