Os Premios de Publicidade en Galego volverán recoñecer as contribucións á Internet na nosa lingua

martes, 1 de decembro do 2020 Redacción

A Consellería de Cultura e Educación (Secretaría de Política Lingüística), o Parlamento Galego e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a XXVII edición dos Premios de Publicidade en Galego, uns galardóns que, como de costume, inclúen os novos formatos de comunicación nas modalidades contempladas. Os responsables das tres entidades convocantes, Valentín García, Miguel Ángel Santalices e Xosé González, formalizaron nunha xuntanza na sede parlamentaria os detalles desta edición 2020 dos coñecidos galardóns que recoñecen traballos que dinamizan o uso do galego desde o ámbito da publicidade.
Así, a convocatoria, de natureza aberta e participación voluntaria, premiará accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019. A modalidade dirixida ao alumnado recoñecerá traballos relacionados coa publicidade e realizados no curso 2019-2020.
Farao desde cinco categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e centros de formación. O prazo de inscrición na convocatoria e a presentación dos traballos, que deben formalizar empresas anunciantes e axencias de publicidade, no caso das catro primeiras categorías, e os centros de ensino, no caso da quinta, rematará o vindeiro 30 de decembro. Os premios serán entregados no Parlamento de Galicia durante o primeiro trimestre de 2021 e consistirán nunha certificación e unha obra artística.
Promover o idioma propio de Galicia desde a publicidade
Os Premios de Publicidade en Galego, impulsados ata o ano 2016 polo Consello Asesor de RTVE-G e pola Corporación RTVG, convócanos conxuntamente a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador e recoñecen na súa convocatoria 2020 accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.
Na pasada edición, resultaron premiados os proxectos Benvidos novos Larseiros!, da empresa Larsa e a axencia BAP Conde; Martín Códax, Fillo do Atlántico, da empresa Martín Códax e a axencia &Rosás (con dous galardóns, na categoría de televisión e de prensa); Queixos Hoxe, da Cooperativa HOXE e a axencia Pío García Audiovisuais, S.L., e Stop_Bullyng, do IES Leixa de Ferrol (A Coruña).