Os Encontros Gidein analizan o papel da robótica avanzada na industria do futuro
xoves, 11 de xuño do 2026
A robótica avanzada, os robots humanoides e os xemelgos dixitais protagonizaron esta mañá, no edificio Redeiras da UVigo, unha nova edición dos Encontros Gidein, unha iniciativa do Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación e o Grupo de Enxeñaría de Fabricación, GEF, da Universidade de Vigo en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG.
Segundo explicaron, foi un encontro no que se reuniu a persoal docente e investigador, profesionais e público interesado en coñecer de primeira man algunhas das tecnoloxías que están a marcar o presente e o futuro da industria.
O programa incluíu os relatorios Robótica avanzada e humanoides. Tendencias, impartido por Víctor Alonso Ramos, director de Manufacturing e Transformación Dixital do CTAG, e O Digital Twin como tecnoloxía clave na industria do futuro, a cargo de Iria Galiñanes Romero, responsable da Área de Digital Twin e Cuántica deste mesmo centro tecnolóxico.
Esta é a segunda actividade organizada baixo o selo dos Encontros Gidein. Segundo explica o coordinador da xornada, o profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Diego Carou Porto, a iniciativa nace da vontade de achegar á comunidade universitaria a experiencia e o coñecemento xerado por empresas e centros tecnolóxicos de referencia.
A través das dúas conferencias, a xornada permitiu coñecer algunhas das liñas tecnolóxicas con maior potencial transformador para o sector industrial. No caso da intervención de Víctor Alonso Ramos, o foco situouse na evolución da robótica avanzada e nos progresos que se están a producir no desenvolvemento de robots humanoides e na súa incorporación aos procesos produtivos. “Buscamos coñecer de primeira man o rol do CTAG en eidos como a robótica avanzada e, en particular, os avances que se están a producir no campo dos humanoides e a súa aplicación ao sector industrial”, explica Carou.
Pola súa banda, o relatorio de Iria Galiñanes afondou no concepto de xemelgo dixital, unha tecnoloxía baseada na creación de réplicas virtuais de sistemas, procesos ou produtos que permite optimizar o seu deseño, funcionamento e mantemento. Tratouse de “poñer en común as principais ideas sobre os xemelgos dixitais, desde a súa propia definición ata as principais aplicacións por parte do CTAG”.
O carácter aberto e interdisciplinar constitúe unha das sinais de identidade desta iniciativa. O Grupo de Innovación Docente Empresa e Innovación integra profesorado procedente de diferentes ámbitos de coñecemento, unha diversidade que tamén se reflicte no perfil das persoas ás que se dirixen estas actividades.
“O noso grupo incorpora profesorado de diversas disciplinas e os eventos que organizamos tentan conectar a xente da universidade e da empresa”, subliña Carou. Por este motivo, engade, os Encontros Gidein están concibidos como espazos de intercambio abertos “para docentes, investigadores, profesionais e mesmo para o público xeral”.
