Os 10 móbiles máis vendidos a nivel mundial son de Apple e Samsung

martes, 7 de maio do 2024 Marcus Fernández

Counterpoint vén de desvelar a listaxe dos smartphones máis vendidos a nivel mundial no primeiro trimestre do ano, confirmando unha vez máis que os móbiles máis populares son de Apple e Samsung.
Non sorprende ver que os 4 móbiles máis vendidos o pasado trimestre foron distintos modelos de iPhone, comezando polo máis caro de todos, o iPhone 15 Pro Max, que conseguiu unha cota de mercado do 4,4%, seguido polo 4,3% do iPhone 15 e o 3,7% do iPhone 15 Pro, mentres que o iPhone do ano pasado, o iPhone 14, queda cun modesto 1,9%. Curiosamente o outro iPhone da listaxe sería o iPhone 15 Plus, que queda nunha 8ª posición cun 1,3% de cota de mercado, o que pode sorprender polo feito de que era o modelo con maior autonomía da actual xeración (aínda que probablemente o seu elevado prezo xogou na súa contra).
O Samsung Galaxy S24 Ultra conseguiu colocarse na 5ª posición co 1,9% do mercado, seguido polo Galaxy A15 5G (1,5%) e o Galaxy A54 (1,4%), mentres que o Galaxy A24 (1%) e o Galaxy A34 (1%) están nos postos 9º e 10º.
Cómpre salientar que a listaxe ten un nesgo moi importante a favor de Apple polo feito de que a compañía da mazá ten un catálogo con moi poucos produtos, mentres que outros fabricantes chegan a ter incluso un cento de móbiles, polo que as súas vendas, pese a ser importantes, están moi fragmentadas, de aí que, por exemplo, Xiaomi non teña un móbil entre os 10 máis vendidos mundialmente.
O que si confirman os datos de Counterpoint é que os móbiles de alta gama seguen a ser os máis vendidos de cada fabricante, en boa medida porque son os que serven de insignia para cada nova xeración de dispositivos, tendo en exclusiva algunhas prestacións que resultan atractivas para os que queren estar á última.

PUBLICIDADE