Orange devolve preto de 11.000 euros que lle cobrara a un cliente por conectarse a Internet

martes, 4 de agosto do 2009 Raquel Noya

Logo dunha reclamación interposta por FACUA-Consumidores en Acción, ao operador de telecomunicacións Orange, esta compañía vén de devolverlle a un usuario preto de 11.000 euros que lle cobrara por conexións a Internet efectuadas dende Andorra. O afectado, que tiña contratada unha tarifa plana de acceso a Internet móbil, non fora informado pola compañía sobre as elevadas tarifas de datos que aplica en roaming, nin de xeito contractual nin verbal, polo que dou por feito que a tarifa plana se aplicaba tanto dentro de España como no estranxeiro. Lonxe de ser así, no pasado mes de xaneiro, o afectado recibíu unha factura de Orange que incluía 10.983,94 euros en concepto de “consumo en servizo de datos/Internet”, polos pouco máis de 7 Xigas que consumira durante unha viaxe a Andorra. Porén o sorprendente deste asunto, non foi que Facua conseguira que a operadora devolvera o importe da factura, algo que consegue en repetidas ocasións ao longo do ano, senón que o afectado pagou a enorme cantidade facturada, xa que gañara un coche nun sorteo de Orange e a condición para que llo entregasen era estar ao corrente dos seus recibos. Ante a negativa da compañía a cancelarlle a débeda e o temor a perder o premio, segundo apuntan dende a compañía, “o usuario aboou a totalidade da factura e asociouse a FACUA para que actuase en defensa dos seus dereitos”. A actuación da asociación provocou que Orange reducise en case un 99% a cantidade facturada. Consumidores en acción advirte na súa web que ao non incluír información sobre as tarifas de roaming no seu contrato nin ter remitido ao usuario datos sobre estas, “o operador vulnerou o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios (aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2007, do 16 de novembro), que establece no seu apartado 2.b que en toda información ao consumidor sobre o prezo dos bens ou servizos, incluída a publicidade, se informará do prezo final completo, analizando, no seu caso, o importe dos incrementos ou descontos que sexan de aplicación, dos gastos que se repercutan ao consumidor e usuario e dos gastos adicionais por servizos accesorios".
Asemade, a compañía tamén incumpriu o artigo 105 do Real Decreto 424/2005, do 15 de abril, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións para a prestación de servizos de comunicacións electrónicas, o servizo universal e a protección dos usuarios.