Ora Galega e a Deputación da Coruña amosan o legado das Irmandades co autobús tecnolóxico iFala

luns, 23 de maio do 2016 Redacción

A lingua e cultura galegas e as novas tecnoloxías volven achegar froitos de colaboración interesantes a través do autobús iFala, iniciativa-vehículo itinerante que se vén de botar a estrada (o pasado 20 de maio) co obxectivo de achegar ao público o legado das Irmandades da Fala co engadido extra de facelo “con linguaxes e medios novos”. Detrás deste roteiro atópanse Ora Galega e máis a Área de Cultura da Deputación da Coruña, que contan coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística. O bus abrangue, entre outras cousas relativas á celebración dos cen anos das Irmandades, unha exposición de seu, unha aplicación móbil, unha páxina web e unha canción interpretada en clave colectiva (Poetarras, De vacas, Sés, Isabel Risco, Leo e David Amor, entre outros e outras).
Elvira Souto, Carlos Quiroga e Moncho do Orzán (por Ora Galega) e a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, presentaron este venres na o proxecto iFala na Dársena da Coruña, primeira parada da rota que emprende esta iniciativa itinerante que percorrerá cidades e vilas do país “espallando a dimensión e a modernidade das Irmandades da Fala”.
Goretti Sanmartín, na presentación, felicitou a Ora Galega polo deseño do proxecto e aproveitou a oportunidade para facer un chamamento á cidadanía e convidala a que se “embarque” no autobús nas súas paradas e estadías, onde a veciñanza estará en disposición de achar que “as Irmandades son algo vivo e que, como di a lenda do proxecto, hai fala”, sinalou.
Moncho do Orzán, de Ora Galega, lembrou que a exposición ofrece “unha liña do tempo desde os Mártires de Carral ata o golpe de 1936” cunha información básica que se pode completar no aplicativo e máis na páxina de iFala. Elvira Souto, pola súa banda, salientou a colaboración de asociacións e outras entidades que contribúen de distintas maneiras á materialización do proxecto, desde a cesión de libros ata a organización de eventos nas distintas cidades e vilas. O escritor e profesor Carlos Quiroga rematou as intervencións destacando que iFala anova algo “que ten un século mais mostra unha vixencia alucinante. Ficamos nós mesmos emocionados co produto”, defendeu.
O domingo o autobús dirixirase a Betanzos para visitar Ferrol, Ourense, Santiago, Lalín, A Estrada, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilalba, Vilagarcía de Arousa e Viveiro serán outras das citas do proxecto itinerante iFala. Asociacións, editoriais e outras entidades colaboran na iniciativa, entre elas, a Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Cultural Auriense, Ourense, Asociación Cultural Vagalumes, A Estrada, Asociación Francisco Lanza, Ribadeo, Asociación Pensamento e sementeira, Viveiro, Asociación Roxin Roxal, Betanzos, Asociación Socio-Pedagóxica Galega , Confederación Intersindical Galega, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Editorial SEPT, Instituto de Estudos Miñoranos, Ir Indo Edicións, Mesa pola Normalización, Seminario de Estudos Chairegos, Vilalba e Sociedade Cultural Medulio, Ferrol.

Vídeo musical para a promoción desta iniciativa