O vindeiro 12 de novembro celebrarase en Vigo unha nova edición do Trasnada 11.1
luns, 31 de outubro do 2011
O dicionario da Real Academia Galega define unha trasnada como “a acción propia dun trasno”, e tamén como “a acción propia dos nenos travesos, coa que se divirten pero coa que poden causar molestias ou mesmo mancarse eles”, porén, nada máis lonxe da realidade, na nova que nos ocupa Trasnada adquire un novo significado, ao referirse ao evento anual que reúne aos tradutores de software libre ao galego na nosa Comunidade, e que este ano se vai celebrar en Vigo o vindeiro día 12 de novembro.
A Trasnada serve de punto de encontro para tradutores de software libre, aqueles que traballan baixo o “paraugas do Proxecto Trasno”, como eles mesmos indican, e serve de sesión de traballo para xuntar esforzos en producir calidade no ámbito da tradución. Por outra banda, segundo explican na súa web, tamén serve de “escaparate ao público que queira coñecer o proxecto, a xente que o conforma e como punto de aprendizaxe para todas as persoas interesadas en colaborar na localización”.
Logo de celebrarse en Ordes e Ourense nos pasados anos, Trasnada 11.1 terá lugar este 12 de Novembro no Centro Social de Novacaixagalicia de Vigo, en horario de mañá e de tarde, onde se reunirán tradutores e interesados na terminoloxía informática chegados de todo o país.
Asemade, segundo informan dende Trasno, os membros da asociación poderán seguir e participar na actividade pola canle IRC do Proxecto(#trasno en irc.freenode.net), dende onde se poderán seguir en tempo real as novas que se vaian producindo.
