O titor virtual para emigrantes españois ideado pola USC amplía servizos a Bélxica, Holanda e Irlanda
venres, 27 de marzo do 2015
O grupo de investigación
Novos Medios (Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade
de Santiago), e o IFFE Business School desenvolveron un recurso de
asesoramento docente encamiñado a botar unha man a quen ande á
procura de traballo fóra da nosa terra e precise asesoramento de
utilidade. Trátase dun titor virtual multimedia de xestión
intelixente da comunicación, WorkerTutor.
Na posta en marcha da ferramenta, en 2014, fíxose fincapé na súa
vontade de “de favorecer a promoción e a inserción laboral dos
emigrantes españois residentes en Alemaña, Francia, Reino Unido e
Suíza”. Agora, a
Universidade de Santiago reflicte que WorkerTutor vén de ampliar o
seu eido de acción a Bélxica, Holanda e Irlanda.
Como lembraremos,
WorkerTutor ofrece aos seus usuarios todo tipo de asesoramento en
materia laboral: dende como comportarse de modo axeitado nunha
entrevista de traballo no estranxeiro ata como redactar unha
correcta carta de motivación ou mesmo un currículo de éxito.
Ademais, dá acceso a todo tipo de información relativa ao marco
xurídico e legal de cada un dos países que conforman o proxecto.
Unha vez máis, a USC
lembra ás persoas interesadas en acceder aos servizos de WorkerTutor
que deben rexistrarse previamente como usuarios na
páxina web, cubrir un breve formulario e engadir o seu
currículo. “Un especialista en recursos humanos porase en contacto
con elas para solucionar as súas dúbidas e ofrecerlle asesoramento
profesional”, sinálase.
Recordar que
desenvolvemento deste servizo contou cun equipo integrado por oito
profesionais e con financiamento do Ministerio de Emprego e
Seguridade Social do Goberno de España.
Na súa presentación, o
ano pasado, os responsables da ferramenta destacaron que “a gran
novidade deste sistema nun panorama como o actual no que proliferan
os portais de emprego, reside na relevancia que se lle outorga ao
asesoramento”. Polo tanto, engadiron, WorkerTutor “non é un
simple buscador de ofertas”, senón que tamén, e por riba de todo,
“centra os seus esforzos en garantir que os emigrantes españois
sigan os pasos axeitados para obter un bo emprego e sexan quen de
expoñer todo o seu potencial durante ese arduo proceso”.
O titor multimedia
WokerTutor tamén conta cun blog
de seu no que se actualiza a realidade do mercado laboral nos
devanditos países (agora tamén Bélxica, Holanda e Irlanda) ademais
de completar a súa tarefa de asesoramento a través dos seus perfís
en Facebook,
Twitter, Linkedin
e Google
Plus.
