O profesorado da Universidade de Vigo bota man das redes sociais para realizar e-portfolios

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Se a un portfolio normal e corrente no que mostramos a nosa traxectoria profesional de maneira resumida e con exemplos gráficos do noso traballo, lle engadimos todo tipo de referencias vinculadas, materiais adxuntos e reflexións online que consideremos necesarias, o resultado é un portfolio electrónico, ou o que dende a Universidade de Vigo deron en chamar un e-portfolio.
A Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade desta entidade académica, a fin de facilitarlle ao profesorado as competencias técnicas e metodolóxicas necesarias para crear a súa propia recompilación en formato electrónico, vai organizar un curso de Deseño Técnico e Didáctico dun e-Portfolio, que aproveitarán 20 profesores e profesoras para elaborar os seus propios portfolios electrónicos das materias que imparten, de acordo co novo proceso de ensino e aprendizaxe que impón o EEES.
Para isto, o curso, que impartirá o profesor José Vicente Novegil, analizará de forma práctica as diferentes ferramentas necesarias para a construcción dun portfolio electrónico e achegará os pasos necesarios para a súa execución.
En palabras de Novegil, “neste documento electrónico o estudante vai paulatinamente incorporando os seus traballos e actividades dun xeito enriquecido, a través de ligazóns, documentos, fotografías, vídeos e reflexións propias e externas, de por exemplo, profesores”. O resultado é, engade, “un curriculum ampliado e máis real que poden empregar na súa vida profesional”.
Coa xeneralización do uso das redes sociais, este profesor explica que “se dá un salto máis e ábrese á posibilidade de que o portfolio poida ser visto e participado por todo tipo de públicos, segundo o grao de privacidade que o alumno lle queira dar”.
Os docentes que asistan ao curso Deseño Técnico e Didáctico dun e-Portfolio coñecerán as posibilidades que ofrecen as redes sociais e botarán man, para as prácticas, da Rede Social da Universidade de Vigo.
As xornadas formativas celebraranse os días 1, 3, 10, 15, 17 e 22 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, nas instalacións do campus de Ourense.