O presidente do CPEIG participou no Congreso de Edificios Intelixentes celebrado en Madrid
xoves, 29 de xuño do 2017
O
pasado 21 de xuño celebrouse en Madrid a terceira edición dun
encontro arredor de diferentes metodoloxías e recursos para fogares
smart (vivendas conectadas ás redes e á Internet das Cousas,
máis sustentables, eficientes e mellor comunicadas). O Congreso de
Edificios Intelixentes incluíu unha mesa redonda sobre
ciberseguridade, riscos e evolucións aplicables ás novas vivendas.
Nela participou
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG). E fíxoo en calidade de
representante da entidade galega e de vicepresidente primeiro do
Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII). O
obxectivo xeral do dito Congreso foi potenciar o intercambio de
coñecementos e experiencias sobre os edificios intelixentes dun
xeito transversal, multidisciplinar e multisectorial.
Na
súa intervención, Suárez salientou que a ciberseguridade nos
edificios intelixentes merece ter unha maior atención para atallar
as múltiples vulnerabilidades que permiten a un atacante “non só
tomar o control de todos os sistemas intelixentes como son a
iluminación, sistemas de augas, ventilación, xeración de enerxía,
ascensores e escaleiras mecánicas, entre outros, senón que tamén
poden supoñer un vector de entrada que presenta un risco a nivel
dixital, accedendo á rede interna, pero tamén unha intrusión na
contorna física”.
O
presidente do CPEIG tamén fixo saber que é necesario “construír
edificios intelixentes ao redor da ciberseguridade, e non ao revés”.
Desta maneira, avogou pola “introdución dos requisitos de
seguridade desde a súa concepción”, no momento mesmo do deseño,
identificando cales son os niveis de risco e cales son as
implicacións en todos os stakeholders que se integran no
ecosistema. Fernando Suárez defendeu como “fundamental” que o
regulamento dese tipo de infraestrutura contemple tamén os
profesionais con competencias e coñecementos acordes “para
garantir as implicacións relativas á seguridade”.
