O máster en Sociedade da Información da USC organizará un encontro científico en Madrid

mércores, 21 de marzo do 2012 Raquel Noya

Alá para o vindeiro mes de xuño, os alumnos e alumnas do Máster en Sociedade da Información da USC, cambiarán as súas aulas habituais na capital compostelá polas da Universidade Politécnica de Madrid, onde se reunirán con outras comunidades científicas e industriais para debater en torno a diversos aspectos relacionados coa información intelixente e os sistemas de comunicación actuais.
Farano no marco do workshop Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional que organizan o Máster da USC e o proxecto SINDUR en colaboración coa Unión Xeográfica Internacional e o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.
O que se persegue con esta iniciativa é reunir a especialistas de diversas disciplinas que discutan dende un punto de vista multidisciplinar o estado da arte, os modelos e arquitecturas así como os paradigmas e as fronteiras que motivan o avance da sociedade da información nos espazos urbanos e rurais.
En concreto, segundo informa a organización, “afondarase en áreas como a comunicación, a intelixencia artificial, a ciencia web, o desenvolvemento rexional, teorías das ciencias económicas e sociais, a representación do coñecemento e a enxeñaría, a infraestrutura da información e os sistemas intelixentes distribuídos no web e na sociedade”.