O iPhone 4 estrea mañá modelo branco

mércores, 27 de abril do 2011 Marcus Fernández

Dende hoxe a páxina web de Apple confirma que este xoves chegará ás tendas o modelo branco do iPhone 4, adiado durante meses. «Por fin. O asombroso iPhone 4. Agora dispoñible en branco» é o que podemos ler, e con tal mensaxe queda claro que España será un dos primeiros países aos que chegará o novo modelo de terminal que non tería nada especial agás a súa cor, o que curiosamente podería revitalizar as vendas nun momento no que poderían conterse ante a proximidade dun novo modelo de iPhone (que podería responder ao nome de iPhone 4S ou iPhone 5) que, de manter o calendario habitual, chegaría ao mercado no verán.
O retraso do modelo brando do iPhone 4 estaría provocada por varios factores como as dificultades do fabricante de conseguir o ton de branco que quería Apple e problemas aparecidos ao tomar fotografías con flash e co sensor de proximidade (fallos que virían provocados pola refracción do material branco).
Curiosamente hai varias semanas o iPhone 4 branco desaparecera da páxina web de Apple, o que daba a entender que a compañía de Cupertino tirara a toalla, pero o feito de que finalmente poidan chegar ao mercado este agardado modelo é unha grande sorpresa, especialmente pola atención que está a captar unha novidade que obxectivamente sería irrelevante, pois non supón ningunha mellora tecnolóxica no teléfono de Apple, senón un simple cambio estético.