O iPad básico medra ata as 10,2 polgadas

martes, 10 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A grande sorpresa da presentación de Apple de hoxe foi a introdución dun novo iPad de 7ª xeración, produto que non se esperaba que vese a luz ata outubro, e que finalmente temos aquí cunha nova pantalla Retina de 10,2 polgadas, soporte para Apple Pencil, procesador A10 Fusion e un prezo que parte dos 379 euros. O modelo con Wi-Fi e 32 GB de capacidade será o que custe 379 euros, mentres que o modelo con 128 GB venderase a 479 euros, incrementándose o prezo en 140 euros nos modelos con conectividade móbil.
Temos así que o principal cambio deste novo iPad é o incremento do seu tamaño de pantalla ata as 10,2 polgadas e o soporte para Smart Keyboard, ou sexa, que temos un equipo máis orientado á produtividade e á multi-tarefa, ao que tamén contribúe o novo iPadOS. Un detalle que tamén axuda é o soporte de unidades USB externas a través da aplicación de xestión de ficheiros.
Os novos iPad teñen un peso de 483 gramos e unha autonomía dunhas 10 horas, polo que estamos ante produtos moi atractivos, que neste modelo en concreto destaca pola contención do seu prezo sen prescindir de moitas das posibilidades que ata hai pouco reservábanse para os iPad Pro.

O novo iPad de 10,2 polgadas ten soporte para Apple Pencil