O galego VirtuaNEStor anticipa o desastre de PC Fútbol 8

luns, 20 de maio do 2024 Marcus Fernández

O videoxogo PC Fútbol supuxo todo un fenómeno nos anos 90, chegando a vender máis de 350 mil copias nalgunhas das súas entregas, e pasando o proxecto por múltiples resurreccións, todas con moi pouca fortuna, de aí que sorprendese que quixeran recuperar a franquía con PC Fútbol 8, xogo que supostamente sairá á venda o vindeiro 7 de xuño (pese a que na súa páxina web aínda pon que estaría dispoñible para a súa descarga a partir do 30 de abril), e que conta coa súa respectiva ficha en Steam dun editor sen ningún título previo.
A desconfianza sobre o proxecto era moi grande (de feito, o ano pasado tiveron que cancelar a venda anticipada de PC Futbol 2024 ante acusacións de estafa), pois foron transcendendo detalles sobre o seu tortuoso desenvolvemento, as malas relacións do responsables do xogo cos desenvolvedores (que aseguraban ter abandonado o proxecto por mor dos impagamentos), a publicación dun vídeo do xogo que dá a impresión de non ser nin sequera unha copia alfa (parecendo que estamos ante unha versión modificada do PC Fútbol 2001)... Moitas destas carencias desvelounas o creador galego especializado en videoxogos coñecido como VirtuaNEStor, quen primeiramente criticou a calidade do proxecto, para logo tentar afondar no tema recibindo malas respostas por parte da editora do xogo e completar a información dando voz a un dos desenvolvedores que tivo que abandonar o xogo.
Ante a exposición pública da situación de PC Fútbol 8 o responsable do xogo, Héctor Prats, non tivo mellor idea que acusar a través de X a VirtuaNEStor de calumnias (intimidando en privado a outras persoas críticas co xogo), cando só está a informar sobre o que a calquera pode parecerlle un desastre. Cómpre salientar que a menos de tres semanas do suposto lanzamento do xogo aínda non se publicou un único vídeo con gameplay do xogo, e o pouco que puido verse até agora está moi lonxe incluso dunha homenaxe con aires retro, especialmente se temos en conta que pretenden vender PC Fútbol 8 a un prezo de 39,95 euros (75,95 euros en edición física).
Resulta evidente que para os amantes do vello PC Fútbol a alternativa actual é confiar en franquías de éxito como Football Manager, con demostrada solvencia, e non en proxectos que só buscan tirar proveito dunha marca que esperta certa nostalxia.

Primeiro vídeo no que VirtuaNEStor alerta sobre PC Fútbol 8