O alumnado de Enxeñaría Industrial de Vigo volve da súa visita ao CERN

xoves, 28 de xuño do 2012 Raquel Noya

Remata o curso, chegan as vacacións e con elas as viaxes culturais (ou non tanto) de alumnos e alumnas que precisan recargar “baterías” para afrontar un novo reto no vindeiro curso.
Porén non todas son viaxes a Punta Cana, Cuba ou Tailandia; tamén hai de quen prefire aproveitar o tempo de lecer para formarse, sobre todo se ten que ver coa súa especialidade na carreira.
É o caso de 47 alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, que cambiaron as praias mediterráneas por unha visita ao Centro Europeo de Investigación Nuclear, CERN, da que volveron “satisfeitos, ilusionados e cargados de inquedanzas”.
Viaxaron a Suíza acompañados do profesor do grupo de Tecnoloxía Enerxética, David Patiño, con quen puideron coñecer de primeira man as instalacións deste centro de referencia para eles, e asemade, achegarse á investigación punteira que se desenvolve alí e que ten moita relación coa súa formación académica.
Alén de servirlle como experiencia persoal única na súa carreira de enxeñeiros, esta visita permite estreitar lazos entre o CERN e a Escola de Enxeñaría Industrial, para que no futuro se poidan volver a organizar visitas alí e mesmo recibir en Vigo as dos seus investigadores.
A axenda incluía visitas polos distintos departamentos, o detector Atlas, a sala de control de calidade dos imáns supercondutores, o acelerador de partículas, a exposición Micrososm ou o despacho no que naceu a Web, entre outras actividades, porén de todas elas, a máis especial para os alumnos e alumnas foi “a oportunidade de poder xantar nun comedor público rodeados de premios Nobel”, segundo eles mesmos afirmaron.
A visita ao CERN deixou paso, xa en territorio francés, a un percorrido pola factoría de Airbus en Toulouse para a ensamblaxe do A380, onde visitaron os hangares, unha das salas de telemetría e fixeron un tour panorámico polo aeroporto de Blagnac, base de fabricación do A320 para a compañía Airbus.
Concluída a viaxe, é de pensar que a maioría destes futuros enxeñeiros e enxeñeiras teñen un pouco máis claro o camiño que queren seguir na súa carreira, e han de estar contando os días que restan para que dea comezo o novo curso

PUBLICIDADE