O XGN abrirá as portas dos seus obradoiros a todo o público en xeral

martes, 16 de marzo do 2010 Raquel Noya

Un ano máis, e alá van 11 con este, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que nestes anos non escatimou en tempo e esforzos para organizar unha das LANpartys máis importantes da nosa Comunidade, cando non a máis importante, como é a Xuventude Galicia Net, xa quence motores para arrincar cunha nova edición que non deixará a ningún asistente con mal sabor de boca nin moito menos desencantado cos contidos.
Unha das grandes novidades desta edición, a undécima, que terá lugar durante os días 26, 27 e 28 de marzo, é a apertura das portas dos obradoiros a tódalas persoas interesadas en participar, independentemente que estean incritas ou non na festa oficial.
Isto significa que a XGN converterase durante tres días nun espazo ideal para a aprendizaxe e o divertimento, onde o público en xeral poderá acceder a distintos obradoiros e talleres centrados en novas tecnoloxías e linguaxes de desenvolvemento, deseño web ou software libre, entre outros contidos.
Todas estas actividades, que serán de balde para todos e todas, estarán activas durante os tres días que dura o evento e o único requisito necesario para asistir a elas é apuntarse previamente na web oficial da party, no apartado de Obradoiros.
As persoas que desexen participar, sexa cal sexa a súa idade ou sexo, deberán enviar o seu nome e a dirección de correo electrónico á organización do XGN para que esta se poña en contacto con elas e lle confirmen a súa inscrición.
Ao longo destes once anos, que se din pronto, a XGN foi evolucionando ata converterse nun espazo único de encontro xuvenil, de formación e de iniciación ao mundo dixital, indo máis alá dunha mera conexión ultrarrápida a Internet.
Agora, segundo afirman dende a organización, “é unha plataforma consagrada”, que serve, entre outras cousas, para dar a coñecer os últimos avances tecnolóxicos e para potenciar o software libre entre os asistentes e visitantes.
Porén, ademais de cursos e obradoiros, o que nunca debe faltar nunha party que se prece (e moito menos na consagrada XGN), son os concursos e torneos, que lle permiten aos internautas desconectarse por un intre da Rede e coñecer a outros usuarios coas mesmas afeccións que eles.
Este ano, ademais dos xa tradicionais concursos de fotomontaxe ou deseño, a organización propuso novos torneos e competicións, entre os que destacan o Counter-strike 1.6, o Starcraft, o Trackmania Nation forever, o FIFA ou o Call of Duty 4.
Os concursos que a organización ten previsto levar a cabo este ano son:
-Dobraxe de vídeos frikis, unha divertida actividade na que as persoas participantes deben dobrar un vídeo da maneira máis orixinal posible poñendo a proba a súa capacidade de interpretación.
-Foto XGN, neste concurso premiarase a mellor foto da Xuventude Galicia Net, calificando como mellor aquela imaxe máis orixinal e que mellor resuma o significado da party. A fotografía non pode estar editada con programas de tratamento de imaxes, e debe estar integramente tomada durante o evento.
-Fotomontaxe XGN; se no anterior concurso non se podían presentar fotos tratadas dixitalmente, nesta competición trátase xustamente do contrario, de presentar unha fotomontaxe o máis orixinal posible con temática sobre a XGN.
-Vídeo XGN, neste concurso a organización premiará ao mellor vídeo da party. A duración máxima será de 5 minutos, e poderá estar tratado con programas de edición de vídeo. O único requisito é que as imaxes utilizadas estean gravadas íntegramente durante o evento.
-Parecidos razonables. Este novidoso concurso consistirá en buscar entre as persoas asistentes, e coñecidas das asistentes, xente que se asemelle a persoaxes famosos. Será premiado o parecido máis razonable e orixinal.
-Deseño do logotipo da party. Tal e como apuntan dende a web oficial desta festa informática, a organización propón o deseño dun novo logotipo para a Xuventude Galicia Net que, de gustar máis que o actual, a organización podería usalo para as vindeiras edicións. Está permitido o uso de programas de edición fotográfica así como o tratamento das imaxes a elección dos usuarios.
-Deseño 2D, neste concurso premiarase o mellor deseño en 2D de temática libre.
-Deseño 3D, ao igual que o anterior, neste concurso premiase o mellor traballo de deseño en tres dimensións de temática libre.
-Lanzamento de CD. Este concurso, que pinta tremendamente divertido, permitiralle aos participantes levantarse da cadeira e mover un pouco as articulacións (que tenden a oxidarse logo de moitas horas sen usar). Trátase dunha novidade este ano e o único requisito que se pide é que as persoas interesadas acudan co seu propio CD, algo que non será un problema para os participantes da edición.

PUBLICIDADE