O Proxecto Europeo E-Hospital vén de formar en TIC a 13 doentes por lesión medular

venres, 3 de agosto do 2007 Raquel Noya

No marco do programa Socrates/Grundtvig1, a Comisión Europea vén de financiar o proxecto E-Hospital, no que participan institucións educativas de Austria, Francia, Alemaña, Polonia, España e Suíza.
Esta experiencia educativa é pioneira no mundo e ten como principal obxectivo analizar o papel do aprendizaxe electrónico (e-learning) na formación de adultos hospitalizados de longa duración levada a cabo simultaneamente nos 6 países anteriores entre setembro do 2006 e maio do 2007.
En España impartiuse un curso de 5,5 créditos, recoñecido pola USC (“Curso básico de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións para a alfabetización dixital”) apoiado no emprego de dispositivos móbiles para que os doentes adultos, hospitalizados por lesións medulares, puideran acceder á súa formación dende as súas residencias hospitalarias.
No marco desta experiencia piloto, en España formáronse a 13 doentes da Unidade de Lesionados Medulares do Hospital Juan Canalejo de A Coruña e no vindeiro mes de setembro, a Universidade de Santiago de Compostela, outorgarlles os correspondentes certificados a tódolos participantes.
Froito do éxito acadado por esta iniciativa, tanto dende o punto de vista dos alumnos como dos profesionais médicos e pedagogos, as institucións españolas participantes no proxecto, contemplan a ampliación do mesmo máis alá do ámbito europeo nun futuro próximo.