O Observatorio da Lingua Galega abordará o uso do galego en Internet

luns, 23 de xuño do 2008 Raquel Noya

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, vén de facer públicos os datos obtidos polo Observatorio da Lingua Galega no seu primeiro ano de funcionamento, nun acto no que tamén aproveitou para avanzar as vindeiras liñas de actuación desta ferramenta de análise e diagnose.
As observacións que se levaron a cabo para realizar este estudo sobre a situación actual da nosa lingua iniciáronse en 2007 e abrangueron un período de aproximadamente un ano, para abordar oito ámbitos: cidadanía, Administración, economía e empresa, educación, sanidade, tecido asociativo, medios de comunicación e telecomunicacións.
O informe constatou a “desigual presenza da lingua galega na sociedade” (algo do que en meirande ou menor medida, xa todos somos conscientes), argumentando que, mentres nas administracións autonómica e local o galego conta cun uso maioritario, non ocorre o mesmo nos ámbitos da empresa e das telecomunicacións, nos que a situación da lingua, segundo a secretaria xeral, “dista de estar normalizada”.

Agora, logo desta primeira diagnose xeral, a función do Observatorio da Lingua Galega será converterse nunha ferramenta “áxil e rigorosa” que poida proporcionar información actualizada e en profundidade dos sectores concretos nos que planificar actuacións de normalización lingüística no futuro. Deste xeito, os vindeiros ámbitos de estudo que vai abordar son o de Internet e o dos organismos de intermediación entre a cidadanía e a Administración.
A páxina web oficial do Observatorio presenta, actualmente, unha aplicación estatística para poñer a disposición de tódalas persoas interesadas unha ampla información dos resultados acadados neste último estudo, o que fai posible que se realicen distintos tipos de procuras de xeito doado e rápido.