O Museo das Peregrinacións convida a descubrir o Santiago do século XIII a través da interactividade
venres, 19 de setembro do 2014
Para achegarnos á
realidade de Santiago de Compostela no século XIII, se cadra nada
mellor que botar man das novas tecnoloxías. Este, o de tirar
proveito do interactivo e do virtual para chegar o máis preto
posible do que sería unha máquina do tempo, é o piar sobre o que
se apoia o Museo das
Peregrinacións de Santiago. O motivo? Pois recrear a Compostela
do século XIII e aínda por riba amosalo. A dirección do museo,
emprazado en Praterías, está a lanzar estes días un convite para
os escolares e os seus colexios co fin de que descubran como era a
capital de Galicia en tempos do románico e do gótico. E todo a
través de reconstrucións virtuais, xogos e aplicacións
interactivas.
Ademais, inclúense dúas
“impresionantes maquetas que recrean a catedral no século XIII”.
A iniciativa Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral
compleméntase con visitas guiadas e diríxese aos alumnos dos
centros educativos de primaria e secundaria. A mostra, sinala a
dirección do museo máis polo miúdo, conta con aplicacións
interactivas, reconstrucións virtuais que permiten coñecer a
aparencia e a evolución urbana da cidade, pantallas xigantes que
recrean a Catedral románica tal e como a viron os que a coñeceron
tras a súa consagración en 1.211, e ata un xogo interactivo que
ofrece a posibilidade de acompañar a un peregrino no seu percorrido
pola Compostela medieval. O museo tamén salienta as maquetas
Catedral e da cidade, esta de máis de 20 metros cadrados. Por certo
que para a súa construción seguíronse as descricións que da
cidade e da Catedral fai o Códice Calixtino.
