O Huawei P40 Pro+ sairá á venda o día 25 a 1.399 euros

mércores, 10 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Huawei presentou en marzo os seus novos móbiles insignia, lanzando o Huawei P40 e P40 Pro o 7 de abril, e deixando pendente para este mes o seu terminal de máis alta gama, o Huawei P40 Pro+, que busca competir con Samsung Galaxy S20 Ultra, e que finalmente chegará ás tendas o vindeiro día 25 a un prezo de 1.399 euros.
Este novo smartphone con pantalla OLED de 6,58 polgadas, procesador Kirin 995, 8 GB de RAM, 512 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 256 GB), 5G, WiFi 6, Bluetooth 5.1, NFC, batería de 4.200 mAh con carga rápida de 40 watts e resistencia ao po e á auga con certificación IP68, que busca destacar polas súas cámaras. Se ben a súa cámara frontal de 32 Mpíxeles apoiada por un sensor de profundidade non resulta especialmente rechamante, a cámara traseira é moi completa, cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un sensor de ultra grande angular de 40 Mpíxeles, unha cámara SuperZoom de 8 Mpíxeles (con zoom óptico de 10x), un teleobxectivo de 8 Mpíxeles (cun zoom de 3x) e un sensor de profundidade 3D, así como estabilización de imaxe (OIS e AIS), que non só dispara imaxes moi detalladas, senón que tamén pode gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo.
Estamos ante un terminal moi completo e que podería estar chamado a ser o grande referente do mercado de móbiles con Android se non fose porque carece dos servizos de Google, detalle polo que moitos consumidores consideran inaceptable nun dispositivo nese rango de prezo.