O Huawei Mate 9 insiste na dobre cámara traseira

venres, 4 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Huawei continúa a mellorar o seu catálogo de terminais de alta gama, onde está a conseguir facerse un oco grazas a smartphones de grandes prestacións, e o novo teléfono en poñerse en primeira liña é o Huawei Mate 9, que chega cun procesador Kirin 960 (coa primeira GPU de 8 núcleos Mali-G71, que consegue maior potencia con menor consumo), cámara dual Leica de segunda xeración e EMUI 5.0 (baseado en Android 7.0), combinación coa que buscan revolucionar a telefonía móbil, aínda que para moitos usuarios chamará máis a atención o feito de que optasen por unha enorme pantalla Full HD de 5,9 polgadas que busca ocupar o máximo espazo frontal dispoñible para dar a sensación de que esteamos case cun teléfono sen bordes.
Outros detalles salientables deste atractivo smartphone é que conta con LTE de categoría 12 (o que permítelle descargar ata a 600 Mbps), integra un sistema de carga intelixente para incrementar a duración da batería, é compatible coa solución de realidade virtual de Google (Daydream), permite empregar 2 contas de WhatsApp diferentes nun único teléfono, a súa batería de 4.000 mAh permitiría unha autonomía de ata 2 días sen interrupción, e, como vén a ser habitual nos últimos Huawei de alta gama, presume de cámara deseñada por Leica, que desta volta conta cun dobre sensor (un RGB de 12 Mpíxeles e outro monocromo de 20 Mpíxeles) que tamén presume de zoom híbrido «ideal para retratos» e refocus (como clara resposta ao iPhone 7 Plus), á vez que tamén sería o primeiro teléfono con enfoque automático híbrido 4-en-1 (láser, por detección de fase, de profundidade e de contraste).
Outras especificacións a destacar do Huawei Mate 9 son que conta con 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de ata 256 GB), Wi-Fi AC, Bluetotoh 4.2, USB-C e dobre SIM, que presenta un grosor de 7,9 milímetros, 190 gramos de peso e carcasa en 5 cores diferentes (gris espacial, prata luz de lúa, dourado cava, marrón moca e branco cerámica).
En vista de todas estas prestacións non parece tan sorprendente que o seu prezo oficial sexa de 699 euros, aínda que resulte complicado vender smartphones con Android nese rango de prezos.

Vídeo promocional do Huawei Mate 9